Luis López sitúa a Valga entre as referencias que impulsan o turismo de interior na provincia de Pontevedra con propostas gastronómicas singulares coma a anguía do Ulla

O presidente provincial salienta o patrimonio natural, cultural e culinario de concellos como Valga na inauguración da XXXVI da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País

29/08/2026

Luis López sitúa a Valga entre as referencias que impulsan o turismo de interior na provincia de Pontevedra con  propostas gastronómicas singulares coma a anguía do Ulla

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, sitúa Valga como unha das referencias da oferta atractiva, variada e de calidade do interior da provincia con propostas que conxugan gastronomía, patrimonio natural e calidade de vida. “Sobran os motivos para lanzarse a descubrir o paraíso interior das Rías Baixas, pero está claro que Valga concentra unha moi boa parte deles”, afirmou o mandatario provincial na inauguración da XXXVI Festa da Anguía e Mostra da Caña do País de Valga facendo alusión a manxares propios deste territorio como son as anguias do río Ulla e o augardente artesanal, así como “recunchos naturais extraordinarios” como a Lagoa de Porto Piñeiro, en cuxa posta en valor colabora o organismo provincial cun investimento de máis de 1,8M€.

“Festas coma a da Anguía e a Caña de Valga son puntos de encontro entre amigos, veciños, familias e visitantes, que atopan nesta provincia un segundo fogar e por iso sempre volven”, engadiu o dirixente antes de remarcar que “no eido gastronómico, turístico e cultural concellos como Valga teñen moito que dicir, moito que aportar e, sobre todo, moito por descubrir neste paraíso que son as Rías Baixas”, dixo López nun acto celebrado na Casa do Concello diante do alcalde Jose María Bello Maneiro, membros da corporación municipal, a pregoeira Antía Piñeiro e veciños e visitantes de Valga.

O impulso a un modelo de turismo centrado na sustentabilidade, a desestacionalización e descentralización e a promoción do interior da provincia é unha das liñas estratéxicas do goberno provincial neste mandato, no que se puxeron en marcha dúas rompedoras campañas, “Cando Volves?” e “Rías Baixas. A túa meta, o teu destino”, que recibiron premios en festivais de todo o mundo e están a supoñer un revulsivo para a internacionalización do destino. “Dar a coñecer a riqueza extraordinaria dos 61 concellos da provincia é unha das grandes metas que temos na Deputación. Por iso lanzamos dúas campañas inéditas e multipremiadas en festivais coas que amosamos ao mundo paraíso natural e de interior das Rías Baixas. Os resultados xa os podemos palpar: Unhas Rías Baixas máis internacionais ca nunca, un turismo máis descentralizado ca nunca e unha actividade económica máis repartida ca nunca”, concluíu o presidente da Deputación.

O acto inaugural deu paso á mostra do destilado da caña, seguido do pregón, a degustación gastronómica e actuacións musicais. “Con estes argumentos enténdese mellor por que os ollos de todo o mundo miran cara as Rías Baixas, un territorio ao que chegan cada ano máis visitantes internacionais atraídos pola oferta rica, variada e de calidade de concellos como Valga”, rematou Luis López.

Galerias de imagenes