Luis López recoñece o impulso de novas iniciativas como o Cámping Huttopia de Lalín para a descentralización e internacionalización do turismo nas Rías Baixas

O mandatario provincial, xunto co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participa na inauguración dun novo establecemento hostaleiro que demostra o potencial turístico do rural e do interior da provincia

26/03/2026

Luis López participa na inauguración do camping Huttopia

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salienta o impulso que supón para a estratexia de descentralización, sustentabilidade e internacionalización, que está a implantar o goberno provincial nos 61 concellos que compoñen o destino turístico Rías Baixas, a apertura en Lallín do Cámping Huttopia Camiños de Galicia. Un novo establecemento hostaleiro que vén de ser inaugurado este xoves nun acto no que, ademais do mandatario provincial, tamén participou o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; e o alcalde de Lalín, José Crespo.

Despois de completar un percorrido polas instalacións do cámping, situado na zona de Prado ao carón do trazado do Camiño de Santiago, o presidente da Deputación quixo recoñecer a importancia deste tipo de proxectos para o rural pontevedrés. “Pódese apostar por un rural con futuro?, pódese impulsar o destino de interior?, pódese emprender proxectos nunha comarca do Reto demográfico?”, cuestionou López antes de responder cun si rotundo. “O rural ten moitísimo futuro, só fai falta crer nel”, respondeu o dirixente.

Neste sentido, argumentou López que as contornas rurais da provincia “contan cun sector primario e cun turismo moi potent e xente con moitísimo talento”. Ademais, recalcou que o “destino turístico Rías Baixas non é só de sol e praia, temos un interior magnífico”. Así mesmo engadiu que “a Deputación por primeira vez centrou a súa campaña do 2025 sobre o turismo de interior, sen amosar un só metro de praia. E resultou ser un auténtico acerto, non só por premios, senón que nos está reportando que nos visite moita xente e proxectos coma este son clave”. Sobre as posibilidades de emprendemento no rural, recoñeceu o presidente provincial que “proxectos deste calado son a mostra”.

Finalmente, o presidente da Deputación agradeceu tanto ao dirixente de Huttopia, Michel Durrieu, pola posta en marcha deste proxecto, como á Xunta e ao Concello de Lalín, polo seu apoio; e puxo en valor o camiño compartido con Turismo Rías Baixas para “a descentralización, a sustentabilidade e a internacionalización” do destino. “O que veña a Huttopia xa sabe o que lle vai pasar, o que pasa nas Rías Baixas: quen proba, repite”, concluíu Luis López.

Galerias de imagenes