Luis López destaca os 930.000€ que inviste a Deputación na nova instalación deportiva das Bizocas, no Grove, para construír unha provincia “campioa do mundo en deporte”

O presidente provincial salienta a conxugación dos recursos do Plan +Provincia e o PON2030 para financiar o 80% dunha obra que recupera un espazo abandonado para instalar un espazo polideportivo aberto, variado e pensado para todas as persoas

28/07/2026

Luis López destaca os 930.000€ que inviste a Deputación na nova instalación deportiva das Bizocas, no Grove, para construír unha provincia “campioa do mundo en deporte”

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, celebra a posta a disposición da veciñanza dun novo recinto deportivo coma as instalacións deportivas das Bizocas, no Grove, ao aire libre que consolida a Pontevedra como unha provincia “campioa do mundo en deporte”. Acompañado polo alcalde do Grove, José Cacabelos, o mandatario provincial salienta a achega de máis de 930.000 euros da Deputación a través da conxugación dos programas PON2030 e +Provincia para financiar máis do 80% dun proxecto valorado en 1,14 millóns de euros polo que a veciñanza do Grove poderá desfrutar dun novo espazo ao aire libre para a práctica de distintas disciplinas deportivas nunha contorna natural de alto valor.

“Esta provincia é campioa do mundo en deportistas e clubs, campioa do mundo na realización de grandes eventos deportivos e campioa do mundo en instalacións modernas e adaptadas aos novos tempos”, enmarcou o presidente Luis López a aposta “estratéxica e fundamental” que o goberno provincial está a facer polo deporte ao longo de todo o territorio. Un compromiso que ten na mellora das infraestruturas deportivas un dos seus piares principais. Neste sentido, lembrou López a aprobación dunha liña de axudas pioneira, o Programa Prodeporte, para que os clubs executen melloras nas súas instalacións, así como as tres convocatorias do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas polos que a Deputación ten mobilizados en tres anos máis de 30M€ cos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes para a mellora das instalacións de titularidade municipal. Unha aposta á que tamén contribúen outros plans de cooperación como o +Provincia ou o PON2030.

É o caso deste proxecto de construción dunha nova instalación deportiva nas Bizocas, no Concello do Grove. Un proxecto valorado en 1,14M€ financiado nun 81% pola Deputación cunha achega de 743.000€ ao abeiro do PON2030 e outra de 187.000 a través do +Provincia. Un proxecto consistente na recuperación dunha zona abandonada para convertela nun espazo deportivo aberto con zonas de estancia, parque de ximnasia, circuíto de calistenia, cancha de baloncesto, parque infantil e pista polideportiva cuberta. “O proxecto xa tiña unha pinta bárbara no papel, pero ao velo en realidade é aínda mellor”, recoñeceu o dirixente, quen ve nesta recinto unha mostra da provincia do deporte: “un espazo natural fermoso que ofrece a posibilidade de facer deporte nun espazo aberto a persoas de todas as idades”.

A cooperación entre a Deputación e o Concello do Grove non se limita á construción deste novo recinto deportivo. A Administración provincial leva investidos neste mandato máis de 6,5M€ a través dos distintos plans de cooperación cos concellos e que inclúen a achega de máis de 360.000 euros das tres convocatorias do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas que se destinaron, entre outras accións, á mellora dos campos de fútbol de Lampáns e Monte da Vila. Neste sentido, o alcalde José Cacabelos recoñeceu tamén “a colaboracion e o diálogo” das dúas institucións para sacar adiante toda clase de proxectos.

Despois de recoñecer o labor dos técnicos “nun proxecto moi complexo”, agradecer a colaboración da comunidade de montes de San Vicente e reafirmar o compromiso da Deputación cos concellos da provincia, o presidente convidou a toda a veciñanza, aos visitantes e á comunidade escolar dos centros educativos da contorna a facer uso e desfrutar desta nova instalación coa que conta a provincia do deporte.

Galerias de imagenes