Luis López destaca unha nova mostra da cooperación conxunta da Deputación, a Xunta e o Concello para converter un antigo edificio nunha ludoteca en Ponteareas

O mandatario provincial, xunto coa alcaldesa Nava Castro, visita o equipamento no que a Deputación investiu máis de 100.000€ para mellorar a atención ás familias con actividades culturais e educativos para a infancia

21/07/2026

Luis López destaca unha nova mostra da cooperación conxunta da Deputación, a Xunta e o Concello para converter un antigo edificio nunha ludoteca en Ponteareas

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de visitar este martes o parque Curuxeira, en Ponteareas, para inaugurar a nova ludoteca construída neste emprazamento grazas á cooperación a tres bandas entre o Concello, a Xunta e a Deputación, que achegou 100.000€ para financiar o 41% do orzamento da obra con recursos da anualidade 2022-2023 do antigo Plan Concellos. Despois de percorrer as instalacións acompañado pola alcaldesa Nava Castro e o director xeral de Familia da Xunta, Jacobor Rey;, o mandatario provincial puxo en valor a importancia da cooperación para a mellora dos servizos sociais, dos espazos urbanos e para facer fronte ao reto demográfico. “Ponteareas é campioa do mundo en atención á veciñanza e en proporcionar servizos de calidade. Aquí temos a mostra, na posta a disposición desta ludoteca”, afirmou o presidente.

A construción desta nova ludoteca supuxo un investimento total de 250.000 euros, dos que a Deputación chega o 41 % e a Xunta o 59% restante, preto de 150.000 euros. A obra consistiu na rehabilitación completa dun edificio centenario e sen uso localizado no parque Curuxeira para convertelo nunha ludoteca infantil para a organización de actividades educativas e lúdicas por parte do Concello. A intervención incluíu melloras na accesibilidade, na eficiencia enerxética, na imaxe e na distribución do espazo interior, que destaca pola súa versatilidade á hora de dividirse en dúas salas ou nun gran espazo diáfano en función das necesidades. Así mesmo, o edificio agora está completamente integrado coa zona verde da súa contorna converténdose nun punto de referencia para a vida social da localidade.

“Este é un proxecto que leva a sinatura da alcaldesa Nava Castro e de todo o seu equipo. En Ponteareas sempre hai proxectos ben pensados, con rigor na súa execución e que antepoñen a prestación de servizos de calidade e funcionan como ferramentas para facer fronte ao reto demográfico”, eloxiou o presidente recoñecendo tamén o traballo realizado para facer realidade actuacións coma esta que son “un modelo para toda a provincia”.

Con todo, a pegada da Deputación no Concello de Ponteareas non se limita unicamente ao cofinanciamento desta ludoteca. Nestes tres anos de mandato, o goberno de Luis López ten mobilizados en Ponteareas máis de 7,5M€ a través dos distintos plans de cooperación do organismo provincial para impulsar proxectos estratéxicos como a nova escola infantil do parque Ferro Ucha por valor de 485.000€ ou os 1,1M€ do segundo Plan Extra para a mellora da piscina municipal. “Exemplos do compromiso da Deputación co Concello de Ponteareas”, concluíu Luis López.

Galerias de imagenes