Luis López celebra o avance da provincia do deporte cunha nova pista polideportiva en Vilariño, que eleva en 140.000€ o apoio da Deputación ao Concello de Poio

O presidente provincial, acompañado polo alcalde Ángel Moldes, comproba o remate dunha obra executada ao abeiro do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas

27/09/2026

Luis López celebra o avance da provincia do deporte cunha nova pista polideportiva en Vilariño, que eleva en 140.000€ o apoio da Deputación ao Concello de Poio

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, celebra a posta á disposición da veciñanza de Poio dun novo equipamento deportivo na localidade de Vilariño valorado en máis de 140.000 euros que supón un novo paso adiante da provincia do deporte. Acompañado polo alcalde Ángel Moldes e membros da corporación municipal, o mandatario provincial comprobou o remate das obras de construción da pista polideportiva ao mesmo tempo que puxo en valor a aposta estratéxica que está a facer a Deputación tanto en materia deportiva como na cooperación cos concellos, que no caso de Poio ten mobilizados máis de 6,6 millóns de euros en tres anos de mandato só a través dos distintos plans de cooperación.

“Xa todos somos conscientes de que vivimos na provincia do deporte. E non o digo por eventos como o tríatlon, senón porque estamos a construír por toda a provincia instalacións modernas e de calidade coma esta de Vilariño para que todo o mundo poida practicar deporte viva onde viva. Estamos a revolucionar as infraestruturas, tanto deportivas, como lúdicas ou viarias nas parroquias de todo o municipio”, afirmou López nunha visita a esta localidade de Vilariño na que lembrou outras actuacións como a nova pista de pump track da Seca, o novo parque infantil de Ankar, a mellora de rúas e servizos na Caeira, a futuro centro de maiores e a reforma da estrada de Campelo ou a mellora da mobilidade en Combarro.

A construción desta nova pista polideportiva de Vilariño foi executada ao abeiro da segunda convocatoria do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, unha iniciativa impulsada neste mandato polo goberno provincial que vai xa pola súa cuarta convocatoria e que leva mobilizados en todos os concellos da provincia, agás os dous de máis de 50.000 habitantes, Vigo e Pontevedra; un total de 28 millóns de euros. No caso de Poio, a administración provincial investiu nesta pista polideportiva un total de 135.500 euros para financiar o 95 % do orzamento, que completou o Concello cunha achega de 6.600 euros. A actuación consistiu na construción dunha nova pista multideporte na que practicar baloncesto, tenis, bádminton, voleibol, balonmán ou fútbol. A nova instalación dispón dun pavimento de céspede artificial e servizos renovados para o saneamento, a recollida de pluviais e iluminación LED. “Un novo punto de encontro para a veciñanza, para a mocidade, para que todos os residentes de Vilariño fagan actividade física e se relacionen entre eles e co lugar onde viven”, resumiu López.

Unha nova infraestrutura para a veciñanza que, segundo recoñeceu o presidente, ten no alcalde Ángel Moldes a un dos seus principais artífices. “Grazas a el, Poio está a saír da parálise na que estaba sumida durante anos e estase a demostrar que Poio era capaz de captar investimentos e executar grandes proxectos”, declarou López, quen tamén reafirmou o compromiso da Deputación coa cooperación cos concellos e convidou a toda a veciñanza a facer uso desta nova infraestrutura deportiva.

Galerias de imagenes