Luis López destaca o impulso de 660.000€ da Deputación para transformar as avenidas de Puxeiros e do Rebullón, en Mos, nun espazo máis verde, seguro e accesible

O presidente provincial, acompañado pola alcaldesa Nidia Arévalo e a conselleira María Martínez Allegue, pon en valor a cooperación entre administracións para facer realidade nun ano un proxecto que revoluciona a mobilidade no núcleo urbano valorado en 1,3M

30/07/2026

Luis López destaca o impulso de 660.000€ da Deputación para transformar as avenidas de Puxeiros e do Rebullón, en Mos, nun espazo máis verde, seguro e accesible

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de comprobar este xoves o remate das obras de remodelación das avenidas do Rebullón e de Puxeiros, unha intervención valorada en preto de 1,3 millóns de euros, dos que a Deputación achegou máis da metade, 661.500€, nun proxecto no que tamén colabora a Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia e o Concello de Mos. Acompañado pola alcaldesa Nidia Arévalo, a conselleria María Martínez Allegue e a deputada de Infraestruturas, Belén Cachafeiro; o mandatario provincial celebrou a posta a disposición da veciñanza “dun espazo completamente transformado, con zonas verdes, beirarrúas máis anchas, con todos os servizos soterrados e que leva o selo de calidade das estradas provinciais, para que sexan máis seguras, con espazos peonís e que melloran a calidade de vida das persoas”, resumiu o presidente Luis López.

A través dun convenio de colaboración a tres bandas, no que a Deputación achega o 51% do total conxugando os recursos do Plan +Provincia e do Servizo de Infraestruturas, a Xunta o 47 % e o Concello, o 2% restante, executouse en menos dun ano de obras unha transformación integral destas dúas avenidas que vertebran a mobilidade no termo municipal de Mos. Os traballos centráronse na contorna das avenidas de Puxeiros e do Rebullón e consistiron na ampliación das beirarrúas, creación de novas e máis amplas zonas verdes e renovación de todos os servizos urbanos soterrados. Unha intervención integral que mellora tanto a imaxe destas avenidas, como a súa accesibilidade e a seguridade viaria.

“Hai un ano estabamos aquí na colocación da primeira pedra e hoxe estamos poñéndoa a disposición da veciñanza”, contextualizou o dirixente provincial antes de recoñecer o labor de todas as partes implicadas na realización da reforma. “É moi satisfactorio ver que o que estaba no papel podemos velo na realidade. Isto é moi complexo, pero en Mos é algo habitual e que parece moi sinxelo porque detrás está a alcaldesa Nidia Arévalo e todo o seu equipo, que fan eses proxectos con rigor e con seguimento durante as obras que fan que agora teñamos este resultado final. O meu primeiro recoñecemento vai para a alcaldesa por transformar espazos públicos de xeito tan exemplar e o segundo, para a conselleira pola pegada que está a deixar a Consellería tanto en infraestruturas como en vivendas”, agradeceu López poñendo tamén en valor a importancia da cooperación e do cofinanciamento entre administracións para executar esta clase de proxectos que permiten destinar os recursos do Concello a outras iniciativas que melloren a calidade de vida dos veciños.

A colaboración da Deputación co Concello de Mos, segundo explicou o presidente provincial, non se limita unicamente á mellora destas dúas avenidas. Nestes tres anos de mandato, a Administración provincial ten mobilizados en Mos preto de 9,3 millóns de euros, tanto a través de proxectos de infraestruturas, co exemplo da mellora da seguridade viaria na EP-2601 entre Mos e Puxeiros valorada en 1,5M€; como a través dos distintos plans de cooperación co Concello que supuxeron unha inxección de 6,3M€ para a execución de obras como a mellora do campo de fútbol de San Antoíño (170.000€) ou a humanización da estrada de Pereiras a Tameiga (900.000€).

Galerias de imagenes