Luis López acorda coa Mancomunidade do Salnés un novo apoio aos concellos da comarca: a Deputación financiará o 40% do futuro centro loxístico do ente supramunicipal
O mandatario provincial informa nun encontro con David Castro, alcalde de Ribadumia e presidente do organismo supramunicipal, da concesión de 250.000€ para un proxecto que que “marcará un antes e un despois na xestión da auga, o lixo e o mantemento”
21/03/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anuncia un investimento de 250.000 euros por parte do organismo provincial para colaborar coa Mancomunidade do Salnés na posta en marcha do seu novo centro loxístico. Unha mostra extraordinaria da cooperación da Deputación coa administración local e coa mellora dos servizos e infraestruturas dos concellos que permitirá financiar o 40 % do custo do proxecto e da que vén de informar o dirixente Luis López ao presidente da Mancomunidade do Salnés e alcalde de Ribadumia, David Castro. “Un investimento extraordinario que demostra o compromiso da Deputación cos concellos, cos colectivos e con todas as entidades da comarca do Salnés”, declarou o dirixente provincial.
O proxecto impulsado pola Mancomunidade do Salnés, que conta co apoio da Deputación e tamén da Xunta de Galicia, céntrase na creación dun centro loxístico multiservizos nunha nave do polígono do polígono industrial do Salnés, en Ribadumia. Un espazo no que o ente supramunicipal concentrará os servizos relacionados co Centro de Control Dixital do Ciclo da Auga e Oficina Técnica da Calidade da Auga, Centro de Control de Especies Invasoras e apoio á xestión ambiental e do Centro Comarcal de Formación e Obradoiros de Emprego, así como o Parque de Maquinaria Comarcal e os programas de dixitalización da recollida de residuos, reforzo da compostaxe de proximidade e o desenvolvemento do Salnés Lab para innovación e prototipado.
“Falamos dun proxecto que marcará un antes e un despois na xestión mancomunada de servizos fundamentais coma a auga, o medio ambiente ou o lixo no Salnés, que traerá unha notable mellora da eficacia do servizo de mantemento ao concentrar nun mesmo lugar toda a flota do Parque de Maquinaria da Mancomunidade e que dará un novo impulso á innovación, a formación e ao emprego en distintos ámbitos da economía”, valorou o presidente provincial antes de reafirmar o compromiso da Deputación cos proxectos estratéxicos para a provincia. “Xa me tedes escoitado moitas veces que en todos os proxectos beneficiosos e estratéxicos para os concellos e para a provincia, a Deputación vai estar. E sen dúbida, esta iniciativa da Mancomunidade o é”, subliñou López.
A aposta da Mancomunidade do Salnés pola posta en marcha dun centro loxístico destas características motivou a felicitación por parte do goberno provincial aos dirixentes deste ente supramunicipal. “Demostran capacidade para planificar a longo prazo, entenden a colaboración, con administracións como a Deputación ou a Xunta, como o camiño máis curto cara a meta e avanzan sempre pola senda da sustentabilidade e a innovación”, salientou o mandatario provincial antes de felicitar ao presidente David Castro polo seu labor e reafirmar o compromiso da Deputación tanto coa Mancomunidade do Salnés como cos nove concellos que a integran.
