Luis López e Luisa Sánchez recoñecen a traxectoria e os valores de Iago Aspas na gran noite do deporte provincial, que puxo o foco naqueles que axudan aos deportistas

A cerimonia, que tivo lugar no IFEVI de Vigo ante máis de 700 persoas, homenaxeou ao futbolista moañés por ser un símbolo da provincia do deporte, polo seu compromiso co deporte local, e por ser un referente dos seus valores

23/10/2026

Luis López e Luisa Sánchez recoñecen a traxectoria e os valores de Iago Aspas na gran noite do deporte provincial, que puxo o foco naqueles que axudan aos deportistas

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e Luisa Sánchez recoñeceron este venres a figura de Iago Aspas como un dos grandes referentes dos valores que promove a provincia do deporte con motivo da celebración da tradicional Gala do Deporte que organiza cada ano a institución provincial e que, nesta ocasión, rendeu homenaxe ao capitán do RC Celta pola súa traxectoria e polo seu compromiso co deporte local. Baixo o lema Son porque somos, a Deputación puxo en valor a contribución dos deportistas, dos clubs, das institucións e das familias para construír, entre todos, a provincia do deporte. “Somos unha provincia que respira deporte polos catro puntos cardinais e na Deputación nada nos comprace máis que acompañar a vosa misión, apoiar os vosos proxectos e desfrutar dos vosos éxitos. Ese é o noso obxectivo e o que está detrás dos catro piares que sustentan a nosa aposta pola provincia do deporte”, afirmou o mandatario provincial facendo referencia a aposta estratéxica do goberno provincial para apoiar a deportistas e clubs, impulsar as instalacións deportivas e fomentar o turismo deportivo para pechar unha gala á que asistiron máis de 700 persoas estreitamente relacionadas co ámbito do deporte provincial.

Por segundo ano consecutivo, a Deputación provincial escolleu o Ifevi para enxalzar a provincia do deporte. No recinto feiral vigués, o presidente Luis López e a vicepresidenta Luisa Sánchez encabezaron unha gala na que foron protagonistas os clubs, as institucións e todas as persoas que están detrás dos éxitos e dos desafíos que afrontan a diario os deportistas da provincia, desde a base ata a elite. Conducida polos comunicadores Raquel Doiro (Pitu) e Rafa Valero, o evento contou con grandes deportistas da provincia como a piragüista Teresa Portela, o patinador Chevi Guzmán ou a ximnasta Melania Rodríguez, así como representantes de clubs da provincia de diversas disciplinas, de institucións públicas e deportivas e outros membros do goberno provincial. A vicepresidenta Luisa Sánchez foi a encargada de darlle a benvida a todos os asistentes e poñer en valor o papel que desempeñan clubs, corpos técnicos, familias, amizades e mesmo rivais no crecemento profesional dos deportistas. “Ningún deportista chega lonxe por si só, hai que poñer en valor o papel de todas as persoas que acompañan as traxectorias deportivas, tamén aquelas que non soben ao podio”, subliñou Sánchez.

Iago Aspas, referente da provincia do deporte

A gala estruturouse en catro bloques estreitamente relacionados coa provincia do deporte como son os grandes eventos deportivos, os programas de apoio da Deputación aos clubs, a creación de eventos propios por parte do organismo provincial e, finalmente, a homenaxe aos deportistas personificados na figura de Iago Aspas. Así comezou o presidente unha intervención na que pediu ao público facer un exercicio de imaxinación para decatarse da grandeza dos deportistas nacidos na provincia. “Imaxinemos unha territorio humilde pero orgulloso no que naceu o capitán, máximo goleador e xogador con máis partidos dun club centenario e referente na formación de futbolistas como o Celta de Vigo, falo de Iago Aspas; a deportista española con máis participacións nos Xogos Olímpicos da historia, medallista en Tokio 2020, Teresa Portela; o deportista español con máis medallas olímpicas en competicións individuais, David Cal; unha pioneira e dobre campioa do mundo que abre camiño nun deporte espectacular que sitúa á provincia, a Galicia e a España na vangarda da ximnasia acrobática; Melania Rodríguez; unha eminencia tanto no tríatlon como na medicina, a triatleta e dobre campioa olímpica Susana Rodríguez Gacio; ou unha gran promesa do automobilismo que soña co máis alto como é Christian Costoya”, enumerou López.

Tanto o presidente como a vicepresidenta fixeron fincapé na pegada de Iago Aspas. “Príncipe das Bateas, Rei do Deporte en Rías Baixas, é un orgullo terte hoxe aquí con nós porque es un dos máis grandes referentes desta provincia do deporte. Toda a provincia de pontevedra que te admira”, agradeceu López a súa participación na gala despois de entregarlle unha obra de artesanía como recoñecemento pola súa contribución á provincia do deporte. “El é a estrela do seu equipo pero sempre atribúe o mérito aos seus compañeiros e ao corpo técnico, tivo presente a súa familia nos momentos importantes da súa vida, nunca perdeu o contacto cos amigos de sempre e soubo gañarse o respecto dos demais”, engadiu Sánchez.

Preto de 300 melloras en equipamentos en toda a provincia, incluído Balaídos e Pasarón

Un novo paso adiante nunha aposta estratéxica polo deporte que, en materia de instalacións deportivas de titularidade municipal tradúcese no investimento de 28M€ por parte da Deputación nun total de 278 equipamentos dos 61 concellos da provincia, incluídos estadios como Balaídos ou Pasarón. Un compromiso que, a través do programa Prodeporte, se amplía en 1,8 millóns de euros para mellorar as instalacións dos clubs entidades.

Tamén fixo fincapé o mandatario provincial na consolidación da provincia como escenario para a organización de eventos deportivos. Ademais da acollida de competicións de impacto internacional como LaVuelta e outros eventos globais como o Gran Final do Tríatlon, encontros de seleccións de balonmán ou fútbol ou a acollida de partidos de baloncesto do máis alto nivel, Luis López quixo salientar tamén a aposta pola organización de eventos propios que estreitan a relación entre sustentabilidade, turismo e deporte. Un exemplo claro é o novidoso circuíto Entre Pontes: Trail & Running posto en marcha este ano pola Deputación, cuxa terceira proba se celebrará este domingo en Gondomar.

“O compromiso da Deputación co deporte é máximo. Estamos chegando a máis deportistas ca nunca, atendendo a máis clubs ca nunca, investindo en instalacións como nunca e proxectando como nunca a provincia do deporte”, afirmou o presidente.

Despois de volver convidar ao público imaxinar unha provincia na que é posible practicar calquera tipo de disciplina deportiva grazas ao compromiso de clubs, de pensar na cantidade e calidade das instalacións dispoñibles en calquera recuncho da provincia e de repasar os proxectos dirixidos a fomentar a actividade deportiva como O Noso Club, DepoVan ou +Talento Motor; o presidente concluíu o exercicio afirmando que “non é necesario imaxinar nada. Porque todo o que acabo de enumerar está aquí. É o que temos. É o que somos”.

Novo fiestra en redes: @provinciadodeporte

Un dos momentos singulares da gala foi o anuncio dun novo perfil oficial de Instagram, a creación dunha plataforma chamada @provinciadodeporte desde a que divulgar todos os avances e plans de apoio que o goberno provincial pon a disposición dos deportistas, dos clubs, dos concellos e de toda a veciñanza, así como os éxitos deportivos e os grandes fitos do deporte provincial.

“Hai tres anos eliximos a bandeira do deporte. Grazas por demostrar que non estabamos equivocados.

Son porque somos; e somos porque sodes”, confesou Luis López para dar por rematada unha gala que concluíu cunha foto de toda a familia da provincia do deporte

Enlaces de interés

Galerias de imagenes