Luis López e Luisa Sánchez presentan unha nova competición para a provincia do deporte: a Copa Deputación de Fútbol Sala masculino e feminino
Os dirixentes provinciais asisten na Sede de Vigo ao sorteo das primeiras eliminatorias dun campionato no que participarán 70 equipos de fútbol sala da provincia que compiten en categorías autonómicas e que repartirá 43.000 euros en premios
29/09/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e a vicepresidenta Luisa Sánchez veñen de presentar esta tarde a primeira edición da Copa Deputación de fútbol sala masculina e feminina, unha nova competición coa que provincia do deporte avanza no apoio aos clubs e na oferta de eventos deportivos de interese xeral que dinamizan tanto a actividade deportiva como económica nos concellos da provincia. Na sede que a Deputación de Pontevedra ten en Vigo tivo lugar esta tarde o sorteo das primeiras eliminatorias dun campionato que repartirá 43.000 euros en premios entre os setenta clubs participantes.
“Presentamos un novo fito, un novo paso adiante da que xa todos coñecemos como a provincia do deporte. Un territorio capaz de conxugar eventos de impacto mundial, con competicións que demostran o potencial do deporte máis local. A mesma provincia que exhibe cara o exterior a súa capacidade de organización de eventos internacionais como a Supercopa Ibérica de balonmán é tamén a provincia que mira cara o interior impulsando competicións como esta primeira edición da Copa Deputación de Fútbol Sala masculina e feminina que promoven o deporte, fomentan a igualdade e axudan aos nosos clubs”, declarou o mandatario provincial na presentación dun evento que conta coa colaboración da Federación Galega de Fútbol, representada no acto desta tarde polo seu presidente Pablo Prieto, xunto con representantes de clubs de fútbol sala de toda a provincia.
A competición comezará a disputarse esta mesma tempada a través dun sistema de eliminatorias a partido único e estará dividida en tres categorías. Na primeira división masculina, participan 16 equipos de Terceira División Nacional e de Preferente Futgal; na segunda división masculina, compiten ata 32 clubs de primeira e segunda Futgal; e da división feminina forman parte ata 22 entidades de categoría Preferente Futgal, Primeira e Segunda Futgal. A competición comezará a celebrarse a partir do mes de outubro desde a fase de oitavos de final, mentres que na segunda división masculina haberá unha fase previa. A celebración da final está prevista para o vindeiro 30 de maio.
O nacemento desta nova competición responde tanto á aposta estratéxica da Deputación polo impulso ao deporte, como polo apoio aos clubs e á organización de eventos deportivos que dinamicen tanto a actividade deportiva como económica nos concellos. Ademais, con este novo campionato o goberno provincial cumpre co seu compromiso de crear unha Copa Deputación para o fútbol sala despois de recuperar a de fútbol, suprimida co goberno anterior. “A Deputación de Pontevedra que está apostar como nunca na súa historia polo apoio a clubs e deportistas, a mellora de instalacións e organización de eventos”, remarcou o presidente.
Neste sentido, a vicepresidenta Luisa Sánchez, despois de dar a benvida a todos os asistentes, fixo fincapé no impacto económico que terá esta competición para os clubs participantes. “Para a Deputación de Pontevedra é unha satisfacción poñer en marcha esta competición, que busca apoiar os equipos da nosa provincia. Un apoio que chegará de xeito directo aos clubs participantes, que son os que sosteñen o deporte desde a base”, sinalou a dirixente sobre unha competición que repartirá premios de entre 350 e 800 euros, a cada club a medida que vaian superando eliminatorias.
“O apoio por parte da Deputación ás entidades deportivas da provincia que non se limita á creación de novas competicións. Ampliamos as subvencións ás entidades que participan en competicións estatais ou rexionais, creamos liñas de apoio para mellorar os materiais e equipamentos dos clubs como o DepoVan ou as axudas Prodeporte, impulsamos o deporte de base con programas como O Noso Club ou +Talento Motor e realizamos un investimento sen precedentes, 28M€, para a mellora ou construción de instalacións nos concellos a través dos Plans Extraordinarios de Infraestruturas Deportivas. E mención aparte, require a colaboración coa reforma de Balaídos, con 13M€ de fondos provinciais para a Grada de Gol”, resumiu Luis López antes de agradecer a colaboración da Federación Galega de Fútbol e desexar sorte a todos os participantes.
.
