Luis López anuncia a instalación da pantalla xigante para a final do Mundial entre España e Arxentina na Alameda ao denegar o Concello facelo nas prazas de España e a Ferraría

Para mellorar a experiencia dos asistentes, o goberno provincial ampliará as dimensións da pantalla ata os 36 metros cadrados e trocará a orientación e a elevación da mesma para facilitar a visión do partido desde todos os puntos

17/07/2026

A Deputación aproba a convocatoria do programa +Emprega en Centros Especiais de Emprego, dotada con 100.000 €, un 49% máis que o pasado ano

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anuncia que o goberno provincial volverá ofrecer á cidadanía de Pontevedra a oportunidade de seguir a final do Mundial entre España e Arxentina a través dunha pantalla xigante que volverá instalar na Alameda. O mandatario provincial lamenta a negativa do Concello á proposta da Deputación levar o dispositivo ás prazas da Ferraría ou da Praza de España, o que obriga ao executivo provincial a repetir o emprazamento das semifinais. “Non é o lugar idóneo que máis quixeramos, pero Pontevedra terá pantalla xigante grazas á Deputación”, declarou o dirixente.

Para comprender toda a situación, o presidente Luis López explicou con todo detalle a cronoloxía dos feitos. A Deputación promoveu a instalación dunha pantalla xigante para ver en comunidade os partidos da Selección a partir da eliminatoria de oitavos de final contra Portugal e seguir en cuartos de final contra Bélxica cunha instalación diante do Pazo provincial. Ante a elevada afluencia de público, o dispositivo tivo que trasladarse á Alameda para as semifinais contra Francia por motivos de seguridade, xa que o firme do Paseo de Montero Ríos non é sólido, ao situarse un párking debaixo, para soportar esas cargas. “A seguridade ante todo”, subliña López.

Tan pronto como a Selección logrou o pase á final, a Deputación empezou a buscar un espazo máis axeitado. “Os lugares que nos parecían idóneos eran a Ferraría e a Praza de España, pero aí atopamos un non como resposta”, explicou López a contestación do Concello, que alegou que na Ferraría hai un evento e na Praza de España hai outro acto así como inconvenientes polo ruído. Lamentou tamén o dirixente a “incoherencia” da resposta ao alegar problemas de ruído, pois nese mesmo emprazamento celébranse celébranse toda clase de eventos como os concertos do tríatlon, San Patricio ou os concertos da Peregrina. Diante de todo isto, o Concello ofrece como alternativa Raíña Vitoria, pero os técnicos da Deputación desaconsellan a celebración dun evento desta clase alí por motivos de seguridade, xa que hai desniveis e outros elementos que elevan o risco de que se produza algún accidente. Por outro lado, a Deputación barallou tamén a celebración do evento na Praza de Touros e tamén se valorou o estadio de Pasarón, pero tivo que descartarse ao tratarse dun espazo pechado que require de permisos máis complexos.

“Temos que volver a Alameda, que será o lugar onde poderemos ver os pontevedreses a final da Copa do Mundo. Non é o lugar idóneo que nós quixeramos, é ao que vamos porque hai un bloqueo do Concello e cero facilidades para ver este evento importante para a cidade e a provincia”, conclúe López. Con todo, a Deputación tratará de mellorar a experiencia dos espectadores ampliando as dimensións da pantalla, que será de 36 metros cadrados, estará máis elevada e cunha orientación distinta para facilitar a visión de todo o público e con animación musical desde unha hora antes do inicio partido.

“Isto non vai de siglas nin de partidos, vai de interese para todos nós. Non é doado explicar por que o goberno local de Pontevedra non facilita a colocación dunha pantalla para seguir un evento que une a todo o mundo. Non o entendo eu, nin a cidade, nin Pontevedra, nin os milleiros de seguidores, rapaces e rapazas que se van a achegar a Pontevedra e que non van esquecer a experiencia. Se non deixa a Praza de España é porque ao BNG non lle é doado proxectar o partido da Selección Española, pero se nola deixou para a Eurocopa do ano 2024 e para o tríatlon, San Patricio e as festas da Peregrina é un pouco incoherente”, cuestiona o presidente Luis López para rematar afirmando que “Pontevedra vai ter pantalla grazas á Deputación de Pontevedra e outros terán que explicar por que se chegou a esta situación”.

Galerias de imagenes

audios