A Deputación lamenta a falta de sensibilidade do Concello de Pontevedra á hora de ceder espazos axeitados para instalar unha pantalla xigante pola final do Mundial

A Deputación estuda outros emprazamentos e garante que haberá a única pantalla xigante da cidade para desfrutar o domingo en comunidade do partido entre España e Arxentina

16/07/2026

A Deputación de Pontevedra garante a instalación dunha pantalla xigante para seguir a final do Mundial e lamenta a falta de sensibilidade do Concello de Pontevedra á hora de ceder espazos axeitados ao volume de persoas e condicións de seguridade previstos. O goberno local vén de trasladar a imposibilidade de colocar o dispositivo na Praza da Ferraría ou na Praza de España, tal e como solicitou o executivo dirixido por Luis López e ofrece como alternativa instalala na rúa Raíña Vitoria, un emprazamento que carece das condicións mínimas de seguridade segundo os estudos dos técnicos provinciais.

O executivo provincial consideraba idóneos os espazos de Praza da Ferrería, onde a actividade prevista para a fin de semana non resulta incompatible coa instalación da pantalla dun acontecemento único como a final do Mundial; e da Praza de España, emprazamento onde xa se situou a pantalla da Deputación na final da Eurocopa 2024 e onde se celebran habitualmente eventos cun nivel máis elevado de ruído, como os concertos da Peregrina.

En vista da situación, a Deputación estuda agora outros emprazamentos na cidade e garante que haberá pantalla xigante en Pontevedra para desfrutar o domingo en comunidade do partido entre España e Arxentina.

A Administración provincial é a única institución da cidade que promove a colocación deste tipo de pantallas para animar en comunidade á Selección desde a rolda de oitavos de final do Mundial. Inicialmente, foi colocada diante do Pazo provincial pero a extraordinaria acollida obrigou a trasladar a pantalla á Alameda por motivos de seguridade.

A resposta da veciñanza de Pontevedra, que encheu os recintos nas tres anteriores ocasións, motivan o compromiso do presidente Luis López e o vicepresidente Rafa Domínguez para volver instalar a pantalla xigante, ofrecer un servizo que a veciñanza demanda. “A seguridade é o primeiro. A Deputación quere colocala en Pontevedra, pero a única opción que nos dan é Raíña Vitoria, non é a opción máis acaída, pero queremos estar ao carón dos pontevedreses nun evento tan importante como é a final do Mundial. Nós poñemos a cidade por diante”, declarou este xoves o vicepresidente.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.