Luis López destaca os 43 parques infantís novos ou renovados con fondos da Deputación como espazos ideais para o lecer e a conciliación nesta Semana Santa

A Deputación promove neste mandato actuacións por valor de 16,2M€ en 39 concellos ao abeiro dos plans de cooperación que consolidan unha rede de espazos públicos renovados

31/03/2026

Luis López destaca os 43 parques infantís novos ou renovados con fondos da Deputación como espazos ideais para o lecer e a conciliación nesta Semana Santa

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destaca un impulso por parte do goberno provincial aos parques urbanos, naturais e áreas de lecer infantil con 43 actuacións valoradas en 16 millóns de euros nos concellos da provincia nunha visita ao parque infantil de Bandeira, en Silleda, no que a administración provincial destinou preto de 60.000 euros a través do plan +Provincia para a súa mellora e ampliación. “Afrontar o reto demográfico é importante. Hai grandes accións para paliar a perda de poboación e mellorar a calidade de vida da veciñanza a través de grandes infraestruturas, pero estas pequenas grandes actuacións tamén son unha maneira de afrontar o reto demográfico”, explicou o dirixente provincial o calado desta actuación nun encontro con familias neste parque.

Nos últimos tres anos, a Deputación de Pontevedra reforzou a súa aposta pola mellora do espazo urbano e a creación de zonas verdes e de lecer para a cidadanía, con especial atención aos parques infantís. Nestes tres anos de mandato de Luis López á fronte do organismo provincial mobilizáronse un total de 16,2 millóns de euros para que 39 concellos da provincia puxeran en marcha un total de 43 proxectos que transformaron parques infantís e urbanos máis accesibles, verdes e pensados para a infancia.

Este impulso inversor queda patente coa pegada do Plan Provincia Extraordinaria - Plan Extra, que puxo en marcha proxectos e actuacións en todos concellos da provincia e que destina 3,7 millóns de euros a diferentes parques infantís e urbanos. Un dos máis destacados sitúase tamén na comarca do Deza, no Concello de Dozón, onde o ente provincial financia o 100 % dos 600.000 euros da reurbanización da contorna do centro sociocultural e a piscina pública, un espazo que inclúe un parque infantil. Ademais, en Bueu permitirá facer realidade o novo parque urbano Lugrís; en Oia acometerase a rexeneración ambiental do antigo cámping Pedra Rubia en Mougás para instalar unha nova zona recreativa pública; no Porriño crearase un novo espazo público na contorna da rúa Pío XII, e, por último, Soutomaior levará a cabo a mellora e humanización do centro urbano de Arcade, con novos espazos públicos para as persoas.

No marco do programa PON2030, destaca a mellora e remodelación do parque da Ramallosa en Nigrán, cun orzamento total de 962.196 €, do cal o 80% foi asumido pola Deputación (769.757 €) e o 20% polo Concello (192.439 €). A actuación está a supoñer a modernización integral dun dos espazos de referencia da comarca, adaptándoo ás novas necesidades das familias.

Ademais, varios destes proxectos, como é o caso de Bueu ou Dozón, foron financiados ao 100% pola Deputación grazas a investimentos do Plan +Provincia 2025. No caso deste programa, nos anos 2024 e 2025 mobilizáronse preto de 5 millóns de euros en 35 proxectos postos en marcha en 31 concellos da provincia. Estas actuacións supuxeron ampliar o alcance de intervencións a actuacións de mellora e creación de zonas de lecer en múltiples puntos da provincia.

A colaboración institucional tamén foi clave en Vigo onde, a través de varios convenios, estase a traballa no parque Nelson Mandela de Navia, que acaba de estrear o seu novo aspecto e ao que a Deputación destinou 1,35 millóns de euros, ou o macroparque de xogos da Finca Matías, ao que a institución provincial aporta 2,58 millóns de euros.

Neste sentido, Luis López remarcou que cunha suma total de 16,2M€ estanse a facer realidade 43 novos espazos de ocio para as familias en concellos de todas as comarcas, que seguirán a ser referencia de calidade urbana e calidade de vida grazas á cooperación da Deputación e o seu compromiso por levar os mellores servizos á veciñanza, viva onde vida.

Investimento de 4,7M€ en Silleda

A mellora do parque infantil de Bandeira, que conta agora con máis espazo, cun pavimento seguro, novas zonas de xogo e unha nova pista polideportiva; non é a única actuación que está a impulsar a Deputación neste concello do Deza. A través dos distintos plans de cooperación —Plan Extra, Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas e +Provincia— o goberno provincial leva mobilizados máis de 4,7M€ en Silleda para executar proxectos como a mellora da accesibilidade da escola de música, recentemente aprobado ao abeiro da segunda convocatoria do Plan Extra.

“Un espazo de lecer con novas zonas de xogo á sombra de dous carballos autóctonos que lle imprimen un carácter rural”, salientou o dirixente sobre o novo parque infantil reafirmando “o compromiso compartido da Deputación co Concello de Silleda para impulsar espazos infantís que tamén funcionan como puntos de encontro para a xente maior”.

Galerias de imagenes