Luis López participa en Cambados na inauguración da Festa do Albariño, unha cita de referencia no calendario festivo da provincia e na proxección internacional das Rías Baixas

“Convido a todos os visitantes que se acheguen a Cambados, que proben os excelentes viños da Denominación de Orixe Rías Baixas e os leven consigo cando regresen aos seus países”, afirma o presidente da Deputación na apertura da feira

29/07/2026

Luis López participa en Cambados na inauguración da Festa do Albariño, unha cita de referencia no calendario festivo da provincia e na proxección internacional das Rías Baixas

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de participar este mércores nos actos de inauguración da LXXIV Festa do Albariño que se celebra en Cambados ata o vindeiro domingo. O mandatario provincial asistiu á lectura do pregón, que este ano correu a cargo do actor local Flaco Estévez; e tomou parte no protocolario acto de corte de cinta que abre oficialmente a festa para, a continuación, facer un percorrido polo paseo da Calzada, onde están os postos de degustación deste viño de denominación de orixe Rías Baixas.

A Deputación colabora cada ano na organización dun evento que supón unha cita de referencia no calendario festivo da provincia e un dos maiores atractivos turísticos das Rías Baixas que, ao estar declarada como Festa de Interese Turístico Internacional, consolida a provincia como destino ligado ao enoturismo.

“A Festa do Albariño de Cambados danos unha proxección moi importante e vai nesa liña estratéxica de turismo coa que na Deputación buscamos atraer visitantes estranxeiros e os bos datos o están avalando. Temos un rico patrimonio natural e cultural, pero a gastronomía e o enoturismo é fundamental. Temos claro que os visitantes doutros países levan consigo o viño que se produce nas Rías Baixas e eu convido a todo o mundo a que visite Cambados, que probe os excelentes viños da Denominación de Orixe Rías Baixas e os consuman cando regresen aos seus países”, declarou o mandatario provincial, quen tamén reafirmou o apoio da Deputación aos produtores a través do aumento das axudas ás cooperativas.

Galerias de imagenes