Luis López pide a Transportes que oficialice canto antes a cesión do treito ferroviario entre Pontevedra e Redondela para avanzar na futura Vía Verde que lidera a Deputación
O mandatario provincial aplaude a resposta favorable do Ministerio á desafectación das vías e recalca de novo o seu compromiso “firme e inequívoco” no impulso esta infraestrutura, que é “estratéxica para a Deputación e a provincia”
05/05/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, pide ao Ministerio de Transportes que oificialice canto antes a cesión do treito ferroviario entre Pontevedra e Redondela que permita avanzar na futura Vía Verde que lidera a Deputación. O dirixente aplaude a resposta favorable do Ministerio á desafectación das vías e recalca de novo o seu compromiso “firme e inequívoco” no impulso esta infraestrutura, que é “estratéxica para a Deputación e a provincia”.
O feito de que o Ministerio de Transportes estea a traballar xa na elaboración do informe necesario para desbloquear as vías ferroviarias entre Pontevedra e Redondela e Pontevedra e Portas foi recibido con satisfacción no goberno provincial, que viña reclamando ao Goberno “compromiso e concreción” para poder facer realidade este roteiro de 35 quilómetros polas antigas vías do tren desde Vigo a Vilagarcía. Con todo, o presidente Luis López insiste na necesidade de oficializar canto antes a cesión dos terreos por parte do Adif para poder avanzar nun proxecto que situará ás Rías Baixas como unha referencia nacional na recuperación para a cidadanía do trazado ferroviario abandonado convertido en vías peonís de alto valor ecolóxico.
“Estamos a liderar esta reclamación, e queremos seguir facéndoo tendendo a man a todas as administracións implicadas. É un proxecto estratéxico para a Deputación e a provincia, que conta co meu compromiso firme e inequívoco para facelo realidade”, engadiu López.
Cómpre lembrar que o propio presidente da Deputación xa enviara unha carta ao ministro de Transportes a principios do mes de abril amosando o interese do organismo provincial na execución deste proxecto e reclamando prazos concretos para a liberación dos terreos. Na misiva, Luis López tendía a man da Deputación para colaborar en todo o que sexa posible para a tramitación e execución do proxecto ao mesmo tempo que reclamaba a implicación do Goberno tanto no proceso administrativo como no plano do financiamento.
O compromiso do goberno de Luis López coa execución do proxecto da Vía Verde das Rías Baixas é máximo. Así o está a expresar o dirixente en múltiples ocasións, a máis recente tivo lugar no último plano da corporación provincial na que reafirmou a vontade de colaborar con todas as administracións e deixar a un lado o enfrontamento político para facer realidade a obra. Do mesmo xeito, a Deputación segue a impulsar treitos pendentes desta vía verde como os 300.000 euros destinados ao Concello de Redondela ou o traballo feito na comarca do Salnés.
A Deputación abandeira o proxecto da Vía Verde
Completar este percorrido peonil de 35 quilómetros por treitos en desuso das vías do tren é un proxecto estratéxico para a provincia de Pontevedra e a Deputación está a implicarse en todos os ámbitos para sacalo adiante. A través da achega de recursos, da busca de fondos, da cooperación cos concellos e da interlocución con todas as administracións implicadas, a Deputación está a abandeirar o proceso para que a Vía Verde das Rías Baixas sexa unha realidade canto antes.