Luis López eloxia a colaboración con Lalín para investir case medio millón de euros na Casa de Don Álvaro, no impulso ao Cocido e no astroturismo

A colaboración entre o Concello e a Deputación foi fundamental para evitar a perda dos fondos europeos: “Agradezo o traballo realizado para que estes proxectos sexan unha realidade e por acadar un grado de execución impensable hai dous anos”

15/06/2026

Luis López eloxia a colaboración con Lalín para investir case medio millón de euros na Casa de Don Álvaro, no impulso ao Cocido e no astroturismo

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destaca un investimento de preto de medio millón de euros por parte do organismo provincial en Lalín ao abeiro do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino para as comarcas do Deza, Tabeirós e Terra de Montes que converterán a Lalín no emblema do turismo de interior das Rías Baixas e referencia en sustentabilidade, calidade e atractivos. Acompañado polo alcalde de Lalín, José Crespo, o presidente da Deputación presentou os proxectos que financia a Deputación, entre os que sobresaen a adquisición da Casa de Don Álvaro, para convertela en oficina de turismo e punto de atención ao peregrino, o impulso á marca de Cocido de Lalín e a consolidación do concello como escenario para a observación do ceo nocturno. “Quero agradecer ao Concello de Lalín e ao persoal de Turismo Rías Baixas polo traballo realizado para que estes proxectos sexan unha realidade e por acadar un grado de execución no Plan de Sustentabilidade Turística do Deza que era impensable hai dous anos”, recoñeceu o presidente provincial.

As iniciativas que o organismo provincial está a executar en Lalín ao abeiro deste plan están valoradas nun total de 485.900 euros. A principal actuación é a adquisición da Casa de Don Álvaro para convertela en oficina de turismo e punto de atención ao peregrino por un importe de 325.000 euros. Ademais, por 72.500 euros, dixitalizaranse os recursos turísticos municipais tanto na nova oficina de Atención ao Peregrino como no Pazo de Liñares. O impulso á marca do Cocido inclúe a creación dun selo de calidade do cocido de Lalín (17.000€), o deseño do Museo do Cocido (17.000€) e a promoción da Feira do Cocido (18.000€). Ao astroturismo destínanse 36.000 euros para crear un produto turístico centrado na observación do ceo nocturno.

“Queremos consolidar o interior da provincia como un destino sustentable, ligado ao territorio e onde a natureza ocupa un lugar central cunha oferta diversa e de calidade para chegar a todo o mundo. As Rías Baixas son un destino turístico extraordinario formado por 61 concellos, é moi importante descentralizar, traer turistas a todos os recunchos da provincia e Lalín é un exemplo porque acolle actividades os 365 días do ano como a Feira do Cocido ou as Aldeas de Nadal”, salientou López.

Alto grado de execución do Plan

Por outro lado, o mandatario provincial fixo fincapé tamén na capacidade do goberno provincial para executar “a contrarreloxo” o Plan de Sustentabilidade Turística en Destino das comarcas do Deza, Tabeirós e Terra de Montes. Un plan aprobado polo anterior goberno da Deputación e que recibiu 2 millóns de euros de fondos europeos, pero que carecía de proxectos maduros e planificados, polo que o goberno de Luis López tivo que facer un profundo redeseño do mesmo para evitar a perda destes fondos. “Cando chegamos ao goberno so había unhas ideas e propostas inmaduras. Nós tivemos que definir, executar e planificar, pero tiñamos unha data límite. O noso obxectivo era que este plan redundara en todo o territorio polo que precisabamos administracións que andaran ao mesmo ritmo que nós. E deses 2M€ que conseguimos de fondos europeos queríamos devolver o menor diñeiro posible, aínda que había forzas políticas que querían que se executara o menos posible deste plan, pero tiveron mala sorte”, explicou o dirixente, quen agradeceu a implicación e traballo tanto do alcalde José Crespo e o seu equipo de goberno, como do deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña; a directora de Turismo Rías Baixas, Romina Fernández, e todo o servizo de Turismo Rías Baixas da Deputación.

As iniciativas impulsadas pola Deputación ao abeiro deste plan non se limitan unicamente ao Concello de Lalín, tamén están en marcha proxectos relacionados coa Rapa das Bestas, coas rutas de peregrinación que atravesan estas comarcas e co turismo activo a través do plan Peribici. “O rural ten moito potencial, o único que fai falta é cre nel e a Deputación cre nel e o Concello de Lalín tamén”, concluíu o presidente Luis López.

Esta actuación enmárcase no Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) da Comarca de Deza e Tabeirós-Terra de Montes, no que participa o Concello de Lalín, do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España e financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU. A iniciativa forma parte da estratexia de transformación do modelo turístico cara a criterios de sustentabilidade, dixitalización, posta en valor dos recursos territoriais e mellora da competitividade dos destinos turísticos

Logos
 

Galerias de imagenes

audios