Luis López anuncia un novo plan de axudas aos clubs deportivos da provincia: 1,8M€ para que melloren os seus locais, terreos ou adquiran novos equipamentos

O presidente da Deputación informa nunha visita ao Club de Mar Ría de Aldán do lanzamento dun programa pioneiro e específico para os clubs deportivos da provincia que repartirá axudas por un valor máximo de 15.000 euros entre os beneficiarios

21/07/2026

Luis López anuncia un novo plan de axudas aos clubs deportivos da provincia: 1,8M€ para que melloren os seus locais, terreos ou adquiran novos equipamentos

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presenta un novo plan de axudas destinado para os clubs deportivos da provincia dotado inicialmente con 1,8 millóns de euros para contribuír ao financiamento de obras nos locais ou terreos das entidades ou axudar á adquisición de material deportivo. Nunha visita á sede do Club de Mar Ría de Aldán, o mandatario provincial reafirmou o compromiso da Deputación coa “provincia do deporte” co anuncio deste novo programa titulado “Plan Prodeporte 2026”que repartirá axudas dun máximo de 15.000 euros.

“Na Deputación de Pontevedra temos un lema, que é escoitar, entender e atender. Vimos que nas instalacións deportivas había unha necesidade importante de mellora e levamos xa destinados máis de 30 millóns de euros en instalacións municipais. Pero se nos trasladaba tamén que había unha necesidade importante en todo o que ten que ver con instalacións non municipais, de aí que hoxe anunciamos estas novas axudas Prodeporte”, declarou o presidente nun acto no que tamén estivo presente o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Fredi Bea; e o padeeiro e directivo do Club de Mar Ría de Aldán, Carlos Pérez Rial.

O primeiro Plan Prodeporte 2026 consiste nunha convocatoria de axudas destinadas aos clubs deportivos da provincia de Pontevedra dotada con 1,8M€ que serán repartidos por concorrencia competitiva entre os solicitantes. O proxecto inclúe dúas liñas de financiamento. Por un lado, ofrécense axudas de 5.000 a 15.000 euros por beneficiario para sufragar gastos derivados de investimentos en inmobles ou terreos de titularidade da entidade solicitante ou que teñan o dereito de uso por un período mínimo de 5 anos. Neste caso, serán subvencionables actuacións de mellora da infraestruturas, instalación de equipamentos, construción de novos espazos ou gastos relacionados co pagamento de taxas ou outros trámites administrativos.

Por outro lado, a segunda liña coa que os beneficiarios poderán recibir entre 1.000 e 5.000 euros de subvención céntrase na adquisición de bens inventariables cun valor unitario igual ou superior a 5.000 euros. Con esta liña, ofrécese apoio para a adquisición de equipamento deportivo relacionado directamente coa práctica do deporte ou para equipamentos non deportivos que sexan necesarios para levar a cabo a actividade.

O prazo para presentar as solicitudes abrirase de xeito inminente, tan pronto como se publiquen as bases no Boletín Oficial da Provincia, e permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de setembro. A concesión das axudas realizarase por concorrencia competitiva, outorgando puntos a cada solicitante en base a criterios obxectivos como que os investimentos sirvan para acoller competicións ou adestramentos (10 puntos), que sirvan como instalacións auxiliares (5 puntos) ou como equipamentos auxiliares non deportivos, como aparcamentos ou oficinas. (3 puntos). Na liña de materiais, concederanse 10 puntos se o equipamento está relacionado coa práctica deportiva e 3 puntos, se non está destinado á practica deportiva. No caso de que a solicitude se destine ás dúas liñas, realizarase unha media ponderada da puntuación.

Por outro lado, quedan excluídas desta liña de apoio específica para clubs deportivos da provincia entidades como federacións, entidades que realicen actividades que poidan implicar algún maltrato animal, centros educativos e entidades cuxa actividade principal sexa a xestión de terreos ou a actividade cinexética.

“Se hai unha semana entregabamos as furgonetas do DepoVAN e informaba de que xa está en marcha a segunda convocatoria con máis recursos: un millón de euros”, lembrou o mandatario provincial antes de anunciar a aprobación desta primeira liña de axudas Prodeporte que reforzan o compromiso sen precedentes da Deputación cos clubs deportivos da provincia cun apoio sen precedentes. “Agradecemos que saían estas axudas para poder ter o club en condicións e afrontalo do mellor xeito posible”, afirmou o recoñecido padeeiro e actual directivo do Ría de Aldán, Carlos Pérez Rial.

A provincia do deporte

“O deporte é unha área estratéxica para este goberno, estamos a demostrar que somos a provincia do deporte con feitos”, afirmou o dirixente citando os catro “piares básicos” que sustentan este compromiso. Referiuse López ao apoio firme que a Administración provincial está a prestar a deportistas e clubs, con máis de 5.000 axudas concedidas en tres anos de goberno, á colaboración coa actividade dos clubs e das canteiras a través de programas pioneiros como O Noso Club, +Talento Motor ou o DepoVAN; o fomento da organización de grandes eventos deportivos na provincia con novas liñas de apoio para patrocinar grandes eventos e axudar ás entidades que organizan competicións; ou os máis de 30M€ mobilizados a través das tres convocatorias do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para modernizar as instalacións municipais que agora se actualizan cunha nova versión destinado especificamente a instalacións de titularidade dos clubs.

O presidente reafirmou o compromiso da Deputación co tecido deportivo da provincia e manifestou o obxectivo de que estas axudas permanezan no tempo, polo que convidou a todos os potenciais beneficiarios a solicitalas. “É a mellor maneira de seguir construíndo a provincia do deporte”, concluíu Luis López, quen tamén recoñeceu tamén o labor de clubs como o Ría de Aldán, un “modelo” de referencia do que saíron grandes campións como David Cal, Teresa Portela ou Perucho, pero no que teñen moi claro que “desfrutar vai antes que gañar”.

Galerias de imagenes