Luis López anuncia que os 261,8M€ cos que contará a Deputación o vindeiro ano reforzarán a cooperación cos concellos e os veciños, o deporte, o turismo e as estradas
O presidente declara o seu goberno como “amigo dos concellos” tras volver destinar 1 de cada 3 euros a Cooperación (81,6 M€) e sumar máis de 325 millóns de euros durante o mandato para axudalos a soster os servizos públicos
27/10/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presentou este martes o contido do Orzamento do organismo provincial para o vindeiro ano 2026, que medra en máis de 23 millóns de euros, un aumento de case un 10 % con respecto ás contas do ano anterior, ata acadar os 261,8 millóns de euros. Un documento que servirá para inxectar máis recursos á áreas que seguirán sendo bandeira do executivo de Luis López, como a cooperación cos concellos (81,6M€), a provincia do deporte (11,2M€), acción comunitaria (4M€), turismo (9,3M€), cultura (6,5M€) ou infraestruturas (15,6M€). “Estase a converter en noticia algo que por desgraza debera ser norma: primeiro, que unha institución presente os orzamentos anuais, segundo, que os someta a votación e, terceiro, que os aprobe en tempo e forma. Esta Deputación vai cumprir todo este proceso por cuarto ano consecutivo. Catro anos de mandato, catro exercicios, catro orzamentos aprobados, grazas a ser a única Deputación de Galicia cun goberno apoiado pola maioría absoluta da corporación. Deste xeito, podo garantir desde xa que o 1 de xaneiro entrarán en vigor unhas contas récord que ascenden a 261,8 millóns de euros, 23,2 M€ e preto dun 10% máis que o ano anterior”, valorou o dirixente provincial nun acto celebrado no vestíbulo do Pazo provincial diante dos membros do seu goberno, xefes de servizo e traballadores da administración provincial.
“No 2023 fixamos un rumbo e en 2027 cumprimos a nosa palabra. Non só prometemos converter Pontevedra na provincia do deporte, é que en catro anos subiremos o orzamento máis do dobre, un 139%; non só prometemos un turismo máis internacional e sustentable, é que investimos un 70% máis para que cada mes nos siga dando alegrías; non só apostamos por unha cultura plural e accesible para todo o mundo, é que reservamos un 63% máis para facelo posible; nin tampouco nos quedamos en meras declaracións cando falamos do mantemento das estradas provinciais, duplicamos o orzamento (107%) para logralo”, ilustrou Luis López.
A cooperación cos concellos, bandeira da Deputación
“O goberno amigo dos concellos” volverá destinar un de cada tres euros de orzamento a cooperación coa administración local. Así, a partida destinada ao servizo de Cooperación elévase nun 8 % ata acadar os 81,6M€, dos que 50M€ servirán para aprobar unha nova convocatoria do plan +Provincia e mantense a colaboración coas dúas cidades da provincia, Vigo e Pontevedra, coa reserva de 5 e 2,5 millóns de euros respectivamente, para convenios de colaboración cos gobernos locais. Un compromiso que se complementa con plans extraordinarios de apoio aos concellos como os catro Plans Extraordinarios de Infraestruturas Deportivas (28M€), dous Plans Extra (73M€), o Vía Depo (8M€) ou o Espazo Depo (20M€). “Máis de 325 M€ en todo o mandato postos a disposición daqueles lugares que máis o precisan”, resumiu López.
Mención especial recibiron as dúas cidades da provincia, Vigo e Pontevedra, para as que o goberno provincial volve reservar 7,5M€ para a colaboración directa e ás que hai que engadir outros investimentos que a Deputación executará nelas por iniciativa propia. “Non somos a Deputación de dúas cidades nin de 59 pequenos concellos, somos a Deputación de toda a provincia de Pontevedra, e os números así o avalan”, puntualizou o dirixente antes de referirse aos investimentos reservados en Vigo para o estadio de Balaídos, Cine Fraga ou Peinador; ou, en Pontevedra, o compromiso co Museo, Santa Clara, Príncipe Felipe, a Bienal a Vía Verde.
Impulso á provincia do deporte
Ademais da cooperación cos concellos, o impulso ao deporte seguirá sendo unha aposta estratéxica para o goberno provincial neste vindeiro ano 2027. Cunha partida de 11,2M€, un 30 % máis que neste 2026, a Deputación seguirá fomentando a saúde, o benestar e o tecido deportivo da provincia. Farao cun segundo plan para a mellora de infraestruturas de clubs e entidades (Prodeporte) dotado con 1,8M€; unha nova liña de axudas DepoVan para a adquisición de vehículos (1,1M€), a suba dun 20% das liñas de axudas de bens e servizos e un novo circuíto de BTT Entre Pontes que complementará o xa estreado de trail e running.
Reforzo das axudas a asociacións e traídas de augas
A Acción Comunitaria seguirá a ser a área de referencia para a asistencia ao movemento veciñal. Dotada con 4M€, un aumento do 20%, volverán os apoios ás asociacións veciñais do Provincia Comunitaria (1,73M€), ás comunidades de auga do +Aqua (1,73M€), ás regularizacións de traídas do +Novaqua (432.000€) ou as axudas de bens e servizos (100.000€).
Máis recursos para Rías Baixas, destino turístico líder
“Melloraremos un 31% os recursos dirixidos a que Rías Baixas sexa un destino de éxito e sustentable”, dixo López antes de informar dunha partida orzamentaria de 9,3M€ para aumentar as axudas aos Rías Baixas Fest (550.000€), ás festas de interese turístico nacional e internacional (9.000€ e 12.500€), ás actividades de dinamización (120.000€), ao centro de visitantes do Castelo de Soutomaior (1,1M€) ou a novidosa xira das foodtrucks promocionais de Rías Baixas que sairán da provincia o vindeiro ano para visitar A Coruña e Porto.
Investimentos para unha rede de estradas segura e moderna
Os novos orzamentos volven elevar a partida destinada a infraestruturas cun aumento do 15,6% con respecto ao documento anterior e que eleva o importe ata os 44,1M€ “para manter en perfecto estado os 1.600 quilómetros da rede provincial de estradas”, remarca López.
Unha cultura para todos os pontevedreses, vivan onde vivan
O departamento de cultura contará no ano 2027 cunha partida orzamentaria de 6,5M€, un 10% máis, que se destinarán a mellorar programas como o Culturea (1,35M€), os concertos en galego do +Música (770.000€), os patrocinios audiovisuais (770.000€) as axudas ás bandas de música (390.000€) e a creación dunha nova liña de apoios a proxectos singulares no eido da cultura tanto para colectivos como para iniciativas empresariais.
Antes de rematar a presentación do novo Orzamento, o presidente da Deputación enumerou unha serie de iniciativas singulares recollidas neste documento que reforzan a mobilidade sustentable, a saúde, as emerxencias ou ao sector primario. A Vía Verde entre Arcade e Pontevedra conta cunha reserva de 300.000€, mesma cantidade que se investirá en converter a Pontevedra na primeira provincia cardioprotexida de España coa instalación de desfibriladores públicos en todos os concellos da provincia. As axudas ás agrupacións de Protección Civil elévanse ata os 120.000€, un 20 % máis que servirá para atender tamén aos colectivos das cidades e chegar aos 61 concellos da provincia. Do mesmo xeito, os Grupos de Emerxencias Supramunicipais contarán tamén cun apoio de 100.000€. E as liñas de apoio a cooperativas agrogandeiras e confrarías de pescadores increméntanse nun 42% ata chegar ao medio millón de euros para cada un destes dous sectores fundamentais da economía provincial.
Débeda cero e estabilidade institucional
Tamén quixo remarcar o presidente cuestións que avalan a xestión do goberno provincial ao longo de todo o mandato como a estabilidade económica e institucional. “As nosas palabras e as nosas ideas están avaladas por cifras, plans, proxectos e prazos, sen hipotecar o noso futuro. A Deputación volverá ter débeda cero. E, por último, garantimos que o goberno provincial ten as mans libres para executar a súa axenda; un conxunto de prioridades que intenta asemellarse ás que ten o conxunto dos pontevedreses, sen cesións incomprensibles ou inasumibles para contentar a unha minoría”, salientou o mandatario.
Estas novas contas serán sometidas á súa aprobación inicial no pleno extraordinario do vindeiro 6 de novembro e antes, este vindeiro luns, o presidente renderá contas, por cuarto ano consecutivo, no Parlamento de Galicia. “Nós si estamos orgullosos deste orzamento, e por iso estamos encantados de presentalo e divulgalo ante os medios, ante o goberno que o impulsa e ante os traballadores que o fan posible”, concluíu o presidente da Deputación.
