Luis López recoñece o papel da provincia do deporte como escenario único para organizar eventos deportivos de impacto internacional desde categorías de elite ata a base
O presidente da Deputación participa na presentación da edición número 29 da fase previa do torneo Arousa Fútbol 7, un campionato que atrae cada ano á comarca do Salnés ás mellores canteiras de fútbol de Europa, América e do resto do mundo
30/03/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, recoñece a contribución de eventos deportivos de referencia como o Arousa Fútbol 7 que consolidan ás Rías Baixas como un escenario único para a acollida de eventos de impacto internacional desde a base ata a elite que consolidan ás Rías Baixas como a provincia do deporte e como destino turístico ligado ao deporte. Fíxoo este luns na presentación da fase previa da vixésimo novena edición dun evento que se celebrará esta fin de semana en Ribadumia. “Un ano máis estamos ante unha fin de semana de moito fútbol e do bo, que vai ter lugar en Ribadumia e na provincia do deporte”, afirmou o mandatario provincial no campo de fútbol da Senra.
O Arousa Fútbol 7, un dos campionatos de fútbol de categoría sub 12 máis prestixiosos de Galicia, celebra a vindeira fin de semana a súa fase previa. Sobre o céspede de A Senra daranse cita xogadores de equipos de toda Galicia c obxectivo de clasificarse para a fase final dun campionato que se celebrará no verán e ao que acoden cada ano as mellores canteiras futbolísticas do mundo. “Quero manifestar o noso agradecemento infinito aos organizadores deste torneo polo traballo constante durante xa case 30 anos, cada ano máis forza e ilusión que o ano anterior”, recoñeceu o presidente López, quen puxo tamén en valor o labor do alcalde David Castro e a súa aposta estratéxica polo deporte que é compartida pola Deputación.
“Este campo de fútbol da Senra é a imaxe das instalacións deportivas da provincia, na que a Deputación leva introducido máis de 28M€ nos tres últimos anos só en campos de fútbol”, conextualizou López para enumerar os argumentos da provincia do deporte: “o somos polas instalacións, polos magníficos clubs que temos e polos grandes eventos eventos que acollemos”, enumerou o dirixente. Neste sentido, remarcou a aposta estratéxica da Deputación pola organización de todo tipo de competicións que consolidan ás Rías Baixas como un destino turístico ligado ao deporte. “O deporte é clave, a campaña turística deste ano vai sobre turismo deportivo, estes eventos permiten que se acheguen aquí deportistas de fóra e dentro de España o que nos leva cara a internacionalización do destino, cara a sustentabilidade e o impulso ao turismo como motor económico”, explicou.
Despois de recoñecer o labor de colectivos como o Arousa F7 tanto para a organización deste tipo de eventos como no fomento do deporte de base, Luis López convidou “a todo o mundo a que se acheguen a Ribadumia para desfrutar do bo fútbol e dos encantos deste concello, da comarca do Salnés e no conxunto da provincia”.
