Luis López celebra o primeiro lustro de Laeros, o Festival da Arte Rupestre de Galicia que acollerá O Campo Lameiro o domingo 23 de agosto

O presidente lembrou que a aposta polo interior e o medio rural é “unha das bandeiras deste goberno desde o primeiro día”, e avogou por “levar servizos de máxima calidade e todos os veciños, vivan onde vivan” para loitar contra o reto demográfico

05/08/2026

Luis López celebra o primeiro lustro de Laeros, o Festival da Arte Rupestre de Galicia que acollerá O Campo Lameiro o domingo 23 de agosto

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, participou este mércores na presentación da quinta edición do Festival da Arte Rupestre de Galicia-Laeros, que se celebra o próximo domingo 23 de agosto no Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR), situado no Campo Lameiro. O mandatario provincial, acompañado polo alcalde Carlos Costa, celebrou o primeiro lustro de vida deste festival “que combina recreación histórica, arqueoloxía experimental e gastronomía”.

O presidente asegurou que Laeros é “un referente e unha oportunidade” non só para “coñecer a prehistoria da provincia, que ten neste PAAR un dos asentamentos máis importantes de Galicia”, senón especialmente para “ver todo o que impliquen o interior e o medio rural, un sitio cheo de oportunidades, nun enclave natural único cunha riqueza artística e patrimonial única”. Luis López asegurou que a aposta polo interior é unha liña estratéxica da Deputación, “unha das nosas bandeiras desde o primeiro día que chegamos a este goberno”, e destacou que ademais de accións puntuais como “o protagonismo central que tiveron a arte rupestre e este parque na nosa campaña de turismo interior”, a primeira da historia da Deputación, “o noso apoio ao rural é constante e estratéxico”.

Neste sentido, Luis López destacou que “o reto demográfico ten por primeira vez un servizo propio na Deputación, e os concellos como O Campo Lameiro reciben fondos extra por estar nesta situación” xa que “entendemos que esta é unha maneira de loitar contra este reto, un dos maiores que temos como administración pública”. Isto, asegurou o presidente, “é o que permite fixar poboación e que cheguen servizos de máxima calidade a todos os veciños vivan onde vivan”. Luis López asegurou que “imos seguir nesa mesma liña de apoio ao rural e de ver todas as oportunidades que ten, porque hai que crer nel e nós cremos nel, e este festival é unha magnífica oportunidade para coñecelo de primeira man”.

No marco de Laeros desenvolveranse actividades para toda a familia como visitas teatralizadas e guiadas ou un concurso entre os asistentes ao xantar popular. Luis López convidou a cidadanía e visitantes a “achegarse á capital da arte rupestre e do turismo rural, O Campo Lameiro, para desfrutar en familia”. O presidente da Deputación tamén puxo en valor “os avances nesta edición en materia de accesibilidade” e “ese crecemento sostible que mantedes para o festival e que merece esta contorna”.

Galerias de imagenes

audios