Luis López reivindica a Pontevedra como “a provincia do deporte” coa chegada a Vigo do mellor balonmán ibérico de man das Supercopas

A Deputación e a Federación Galega de Balonmán anuncian a celebración da Supercopa Ibérica Masculina, a Supercopa de España Feminina e a Gala de Balonmán Feminino, que reunirán no IFEVI a seis dos mellores clubs de España e Portugal

14/08/2026

Luis López reivindica a Pontevedra como “a provincia do deporte” coa chegada a Vigo do mellor balonmán ibérico de man das Supercopas

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, xunto coa vicepresidenta e responsable da área de Deportes, Luisa Sánchez, anunciaron hoxe que Vigo se converterá no epicentro do mellor do balonmán coa celebración da Supercopa Ibérica Masculina, a SUpercopa de España Feminina e a Gala do Balonmán Feminino, que reunirán na provincia a seis dos mellores clubs de España e a Gala do Balonmán Feminino. Celebraranse entre o 3 e o 5 de setembro no IFEVI e suporán o regreso do balonmán de máxima categoría á cidade oito anos despois.

Luis López destacou que para a Deputación “é unha desas novas que gusta dar”: que Vigo e a provincia de Pontevedra sexan sede “dun evento desta magnitude”. O presidente provincial incidiu en que “non estamos falando simplemente dun torneo de balonmán”, senón “dun dos grandes acontecementos deportivos de Vigo e a provincia este ano”, cunha importante capacidade tamén como evento tractor para a economía. “Se hai algo que caracteriza a esta provincia é a súa capacidade para vivir e sentir o balonmán e calquera outra disciplina. Desde a base ata a elite, somos a provincia do deporte”, afirmou Luis López, que lembrou ademais a aposta realizada pola Deputación en 2024 para levar os partidos das seleccións nacionais masculina e feminina a Lalín e O Porriño.

O presidente provincial puxo en valor o excepcional cartel que chegará agora a Vigo, con catro equipos de enorme nivel na Supercopa Ibérica Masculina e dous dos grandes referentes do balonmán feminino español na Supercopa de España. Desta maneira, a competición masculina reunirá ao F.C. Barcelona, actual campión de Europa, F.C. Porto, Sporting C.P. e Bidasoa Irún, mentres que a feminina enfrontará ao Rocasa Gran Canaria e ao Super Amara Bera Bera. A programación completarase coa Gala do Balonmán Feminino, unha cita destinada a recoñecer as protagonistas desta disciplina e dar visibilidade ás mulleres que contribúen ao seu desenvolvemento.

A celebración das Supercopas non quedará concentrada en Vigo, senón que levará a presenza dos grandes equipos a diferentes localidades do territorio, en liña coa política de descentralización dos eventos deportivos impulsada polo Goberno provincial. Así, os adestramentos dos equipos masculinos repartiranse entre Pontevedra, Marín, O Porriño e Tui, mentres que os dous conxuntos femininos realizarán as súas sesións en Redondela. O F.C. Barcelona estará en Pontevedra; o F.C. Porto, en Marín; o Sporting de Portugal, no Porriño; e o Bidasoa Irún, en Tui. “Este evento é en Vigo, pero tamén é de toda a provincia. Queremos que a presenza destes grandes equipos se sinta en todo o territorio”, subliñou Luis López, que destacou a oportunidade de que os nenos e nenas dos clubs da provincia poidan ver de preto aos seus referentes e descubrir de primeira man o nivel da elite do balonmán.

A programación completarase o xoves 3 de setembro cun Media Day, con presenza dos seis equipos e sinatura de autógrafos aberta á afección. Ademais, haberá prezos populares para facilitar o acceso do público e unha oferta especial para os clubs da provincia co apoio da Deputación: as persoas ligadas aos clubs pagarán 8 euros por toda a fin de semana, mentres que o abono xeral terá un custe de 25 €.

Pola súa banda, Luisa Sánchez destacou a aposta da Deputación polo deporte “en todas as súas facetas”, desde as infraestruturas deportivas e o apoio aos clubs ata o acompañamento aos deportistas de base e de elite e o impulso a centos de eventos deportivos na provincia. A vicepresidenta salientou que atraer competicións de referencia responde precisamente á vontade da Deputación de facer do deporte unha ferramenta de proxección exterior e de dinamización económica, pero tamén de promoción da práctica deportiva. Neste sentido, puxo especialmente en valor o regreso do balonmán de máxima categoría a Vigo oito anos despois e o carácter extraordinario da programación feminina. “A final feminina é unha final de Supercopa de España entre os dous mellores equipos do país. E a Gala do Balonmán Feminino nace precisamente para dar visibilidade a quen sostén este deporte. Cantas máis referentes vexan as nosas nenas, máis nenas xogarán”, sinalou.

A chegada do mellor balonmán ibérico terá tamén unha importante repercusión económica e turística. As delegacións deportivas procedentes de Cataluña, Portugal, País Vasco e Canarias dinamizarán a hostalaría de Vigo e da provincia durante varios días, ao tempo que a competición contará con cobertura de medios locais, nacionais e especializados. Para a Deputación, esta dimensión económica únese á capacidade dos grandes eventos deportivos para proxectar a imaxe da provincia fóra das súas fronteiras. “Seremos meta e destino, como di a nosa campaña de turismo: turismo deportivo”, afirmou Luis López. “Pontevedra é a provincia do deporte e queremos que siga sendo tamén a provincia dos grandes eventos deportivos”, concluíu Luis López, quen asegurou que a Deputación estará ao carón da organización “de principio a fin”.

O IFEVI será, ademais, obxecto dunha transformación integral para acoller unha competición oficial destas características, coa instalación dunha pista regulamentaria, bancadas supletorias, vestiarios, videomarcadores, iluminación e produción televisiva, convertendo o recinto feiral nun pavillón preparado para acoller o balonmán de máximo nivel.

A competición comezará o venres 4 de setembro ás 17:45 horas coa primeira semifinal da Supercopa Ibérica Masculina, entre o F.C. Barcelona e o F.C. Porto, mentres que ás 20:00 horas se disputará a segunda semifinal, entre o Bidasoa Irún e o Sporting C.P. Esa mesma noite, ás 22:00 horas, celebrarase a Gala do Balonmán Feminino. O sábado 5 de setembro, ás 16:00 horas, terá lugar o partido polo terceiro e cuarto posto da Supercopa Ibérica; ás 18:15 horas, a final da Supercopa de España Feminina entre o Rocasa Gran Canaria e o Super Amara Bera Bera; e ás 20:30 horas, a gran final da Supercopa Ibérica Masculina.

Galerias de imagenes

audios