Luis López salienta o apoio estratéxico de 11,5M€ da Deputación ao movemento veciñal na apertura en Cangas de Morrazo dunha nova tempada dos encontros +Convivir
O presidente da Deputación, acompañado polo deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, participa no Adro de Darbo, na apertura da terceira edición do programa +Convivir no que houbo actividades sanitarias, de risoterapia, de baile e musicais
18/09/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, recoñece o dinamismo do movemento veciñal da provincia, que conta co apoio estratéxico do goberno provincial para fomentar a actividade dos colectivos a través dos plans de Acción Comunitaria, que mobilizan desde o ano 2024 máis de 11,5M€ para apoiar preto de 1.800 proxectos de asociacións de veciños ou usuarios de comunidades de augas. Fíxoo durante a estrea da terceira convocatoria do programa +Convivir celebrado nesta tarde de venres no Adro de Darbo, en Cangas do Morrazo, nun acto no que participaron o deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, e decenas de veciños do concello e da comarca para desfrutar en comunidade de actividades sanitarias, lúdicas, deportivas e musicais.
“Nesta Deputación temos moi claro que a verdadeira forza desta provincia está no seu potente movemento veciñal. Un esforzo que desde que tomamos posesión de goberno, hai pouco máis de tres anos, tivemos a determinación de recoñecelo e darlle o valor que merece. A época na que as asociacións veciñais estaban esquecidas xa forman parte da historia. Agora sodes protagonistas imprescindibles na acción da Deputación. Tanto é así que nos Plans de Acción Comunitaria deste 2026, estreados no 2024, destinamos a cifra histórica de 7M€ para as asociacións veciñais e comunidades de usuarios de auga”, afirmou o mandatario provincial.
Neste encontro celebrado en Cangas de Morrazo, os asistentes tiveron a oportunidade de desfrutar dunha charla sobre primeiros auxilios a cargo de Manuel Viso, un obradoiro de risoterapia da man da psicóloga Mónica Novas, unha sesión de baile por parte de Btroula e unha actuación musical como peche. “Un programa ben completiño para desfrutar dunha tarde diferente para festexar e recoñecer o importante labor que facedes cada día desde as asociacións veciñais”, dixo o dirixente provincial.
Da excelente acollida e da elevada asistencia deste e dos anteriores encontros do programa +Convivir, responsabilizou López ao deputado responsable da área de Acción Comunitaria, Javier Tourís. “É o valedor número un do movemento veciñal e o verdadeiro artífice destes plans, que están a marcar un antes e un despois na relación entre as asociacións veciñais da provincia e a Deputación”, salientou o presidente.
“Vivimos nunha provincia extraordinaria e chea de xente extraordinaria”, dixo Luis López para redondear a benvida ao acto de apertura desta terceira edición dos encontros +Convivir en Cangas de Morrazo diante de decenas de veciñas e veciños. “Xa sabía da implicación da veciñanza do Morrazo, pero non imaxinaba unha acollida tan espectacular. Estou agradecido por recoñecernos con esta ampla asistencia un proxecto pensado especialmente para recoñecer o labor e a valiosa achega que brinda o movemento veciñal a cada recuncho desta provincia”, concluíu o presidente.
