Luis López e Rafa Domínguez reciben no Museo A Derradeira Leición do Mestre: “Hoxe é un día de ledicia porque chega a Pontevedra a obra cumio de Castelao”

O presidente e vicepresidente provinciais supervisan a chegada ao Edificio Castelao da pintura logo da súa viaxe histórica desde Bos Aires

17/06/2026

Luis López e Rafa Domínguez reciben no Museo A Derradeira Leición do Mestre: “Hoxe é un día de ledicia porque chega a Pontevedra a obra cumio de Castelao”

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o vicepresidente Rafa Domínguez veñen de recibir este mércores no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra o cadro de Castelao “A Derradeira Leición do Mestre”, cedido polo Centro Galicia de Bos Aires para ser exposto por primeira vez na provincia de Pontevedra por un período de tres meses, unha mostra que posiblemente sexa a última oportunidade para contemplar o cadro en Galicia. A apertura da exposición está prevista para o vindeiro día 25 de xuño e nesta xornada os responsables do Museo recibiron o cadro, que chegou desde Arxentina cun completo dispositivo de seguridade, para certificar que se atopa en óptimas condicións.

“Hoxe é un día de enorme ledicia porque chega a Pontevedra, despois de moitísimo traballo, a obra cumio de Castelao. Imos poder contemplar a obra completa de Castelao aquí no Museo de Pontevedra”, salientou o vicepresidente provincial e responsable do Museo de Pontevedra, Rafa Domínguez despois de recibir a pintura que marca un fito histórico para o Museo, a provincia e Galicia e polo que quixo agradecer a colaboración dos propietarios da obra. “Quero agradecer a xenerosidade do Centro Galicia con todos os galegos”, dixo Domínguez. Neste sentido, o representante do Centro Galicia de Bos Aires que acompañou o traslado do cadro tamén amosou a súa emoción ante este fito único. “Este é un magnifico Museo. Así como a emigración arroupou a Castelao no seu exilio político, hoxe está aquí o cadro para que todos os galegos arroupen a súa obra e o veñan visitar. Estamos encantados de que estea neste lugar”, afirmou Alberto Vázquez López.

O vicepresidente da Deputación liderou as negociacións, que comezaron hai dous anos e medio, co Centro Galicia de Bos Aires supervisou tamén o traslado do cadro desde Arxentina ata Pontevedra, onde chegou este mércores para ocupar o seu posto na sala de exposicións temporais do Edificio Castelao do Museo de Pontevedra despois de que a directora do Museo, Ángeles Tilve; e a restauradora do Museo, Mercedes del Campo, inspeccionaran a pintura para comprobar que se atopa nas mesmas condicións que cando partiu do Centro Galicia de Bos Aires. Durante o seu traslado a obra recibiu os máximos coidados. Segundo explicou Domínguez, controlouse en todo momento, “cun xeolocalizador e un dispositivo para saber se recibiu golpes ou o grao de humidade e temperatura que tivo en todo o proceso”, a integridade e trazabilidade da obra, que se conserva en perfecto estado.

A exposición do cadro inaugurarase o vindeiro 25 de xuño e a Deputación ten preparada unha ampla axenda relacionada con esta obra e con todo o legado de Castelao que se prolongará durante os vindeiros tres meses. Entre os días 22 e 23 de xuño celebrarase o seminario “Arte, exilio e memoria: Castelao, A derradeira lección do mestre e a emigración galega en América”. Dous días despois da apertura da mostra ao público, o 27 de xuño, está programado un concerto da Coral Polifónica de Pontevedra; o día 28, conmemorarase o plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galicia do 1936. E en agosto, o día 17, lembrarase a figura de Alexandre Bóveda polo 90 aniversario do seu fusilamento con motivo do Día da Galicia Mártir. Ademais, haberá visitas guiadas, obradoiros infantís de verán e actividades complementarias da man da Fundación Bóveda e Castelao.

Galerias de imagenes