Luis López celebra a elección de Neira Vilas como autor homenaxeado nas Letras Galegas 2027 e anuncia unha “intensa” programación de actividades ao seu arredor

O presidente da Deputación sinalou que “Neira Vilas representa as persoal do rural e o interior da provincia, e únennos as nosas orixes e o amor pola nosa terra e a nosa lingua”

10/07/2026

Luis López celebra a elección de Neira Vilas como autor homenaxeado nas Letras Galegas 2027 e anuncia unha “intensa” programación de actividades ao seu arredor

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, celebrou este venres a elección de Xosé Neira Vilas pola Real Academia Galega como figura homenaxeada no Día das Letras Galegas do ano 2027. “Fai unhas semanas, no capítulo do pódcast Minutos EXTRA que gravei co chef Javier Olleros, confesei que Memorias dun neno labrego é un dos meus libros predilectos, porque fala dos que nacemos en familias ligadas ao agro, ao rural cun apego forte polo territorio”, lembrou o presidente sobre o autor nado en Vila de Cruces. Neste sentido, adiantou que “desde a Deputación imos homenaxear a Neira Vilas como merece, organizando unha morea de actividades en torno á súa figura e á súa obra como facemos sempre co gallo das Letras, pero dunha forma máis intensa por ser unha das figuras máis recoñecidas e imprescindibles para entender a nosa literatura e a nosa esencia”.

Por esa “e outras moitas razóns”, sinalou Luis López, “tanto eu a título persoal como a Deputación non podemos estar máis felices por esta escolla e polo que representa”. O presidente provincial incidiu en que “non só nos unen as nosas orixes” no rural de Deza, “senón o amor pola nosa terra e, moi especialmente, pola nosa lingua, que el se ocupou de dignificar mediante a súa obra escrita e coa súa defensa da identidade propia do pobo galego”.

Luis López asegurou que “non podo deixar de sentirme identificado con el, e honrado de ver como alguén que representa as persoas do rural e do interior da provincia acada un dos maiores recoñecementos que se lle poden facer no ámbito literario galego”. O presidente da Deputación sinalou que “este recoñecemento correspóndelle a Neira Vilas, pero un anaco del vai para todas as persoas ás que defendeu”.

audios