Luis López supervisa en Cangas o avance da construción dunha senda peonil e mellora da seguridade viaria entre A Magdalena e Aldán onde a Deputación inviste 1,5M€
O presidente da Deputación, acompañado pola alcaldesa Araceli Gestido, percorre un treito da estrada provincial EP-1002, onde a cooperación entre as administracións local e provincial está facer posible a mellora da estrada e dar cumprimento á demanda veciñal
30/09/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, achegouse este mércores ata Cangas de Morrazo para comprobar o avance das obras de mellora da seguridade viaria e mobilidade peonil que se están a executar na EP-1002 nun treito de 1.800 metros entre A Magdalena e Aldán e na que a administración provincial achega 1,5M€, o 80 % do orzamento total a través dun convenio de colaboración co Concello, que aporta o 20 % restantes. “Estamos a executar unha importante reforma en colaboración co Concello, na que levamos case o 70 % executado. Unha estrada na que tanto os peóns como os coches van poder transitar con seguridade e que vai marcar un antes e un despois na mobilidade no concello de Cangas”, declarou o mandatario provincial despois de percorrer un treito da estrada acompañado pola alcaldesa Araceli Gestido, membros da corporación municipal e técnicos da Deputación e da empresa adxudicataria da obra.
A obra impulsada polo Servizo de Infraestruturas da Deputación na EP-1002 no Concello de Cangas de Morrazo, entre os núcleos da Magdalena e Aldán, céntranse nun treito de 1,8 quilómetros no que se está a ampliar o ancho da estrada para implantar dous sentidos de circulación con dous carrís de 2,80 metros de ancho, renovar por completo o pavimento, construír unha senda peonil dun mínimo de 2,50 metros de ancho, instalar zonas de convivencia de prioridade peonil nas zonas máis estreitas, crear pasos elevados para peóns e renovar tanto a iluminación como a sinalización. Os traballos avanzan a bo ritmo e actualmente xa están construídos 250 metros de senda peonil e boa parte da ampliación da plataforma, polo que nas vindeiras semanas seguirase avanzando na instalación do itinerario peonil e comezarán os primeiros metros de asfaltado co obxectivo de concluír a actuación en decembro deste mesmo ano
“Esta obra pon de manifesto que cumprimos a palabra dada”, sostén o dirixente provincial en referencia a outras obras en materia viaria executadas xa neste municipio por parte da Deputación. Un compromiso coa mellora da rede viaria de en toda a provincia que se reflexa a través de colaboracións puntuais cos concellos, cos fondos do +Provincia ou con plans específicos como o Vía DEPO. Ademais a administración provincial leva destinados preto de 80M€ neste mandato á mellora e conservación da rede de estradas provinciais, ás que se suman os 8M€ do Plan Vía Depo para arranxar camiños de titularidade municipal nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes.
A pegada da Deputación na rede viaria do termo municipal de Cangas de Morrazo non se cingue unicamente a esta actuación valorada en 1,7M€. Ao longo do presente mandato, o goberno de Luis López leva mobilizados máis de 0,5M€ para a mellora de firmes en distintas estradas provinciais ao seu paso por localidades como Hío, Donón, Vilanova, Nerga, Rodeira ou a Boubeta. Ademais, a esta cifra hai que engadir os 7,3M€ mobilizados no Concello a través dos distintos plans de cooperación aprobados neste mandato que están a permitir mellorar o pavillón do Gatañal ou a humanización da contorna do centro de saúde. Un compromiso absoluto co Concello de Cangas valorado en máis de 9M€.
