Luis López eloxia un Castelo de Soutomaior máis preparado ca nunca para a tempada alta en Rías Baixas tralo investimento de 1,7 M€ na nova iluminación

O presidente da Deputación, acompañado polo deputado Javier Tourís, comproba o remate das obras de renovación e instalación de medio milleiro de luminarias no espazo, que reabrirá o vindeiro 6 de xullo

30/06/2026

Visita de Luis López ao castelo de Soutomaior

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destaca o investimento por parte da Administración provincial de 1,7 millóns de euros no Castelo de Soutomaior para renovar a instalación eléctrica e a iluminación deste emblema da historia e da arquitectura da provincia que é referencia do modelo de turismo que promove o goberno provincial nas Rías Baixas: sustentable, descentralizado e ligado ao territorio e á cultura. Acompañado polo deputado Javier Tourís e persoal da Deputación, o presidente comprobou o remate dunha obra que demostra o impulso que o goberno provincial está a dar aos castelos da súa titularidade, tanto o de Soutomaior como o de Sobroso, xa aberto ao público logo dun investimento de 200.000€. “O Castelo de Soutomaior, unha das xoias da coroa das Rías Baixas, é un emblema desde o punto de vista turístico, histórico ou botánico do conxunto do destino Rías Baixas, unha riqueza digna de admiración e unha referencia para proxectar a provincia”, sostén o mandatario provincial, quen anunciou tamén que o Castelo reabrirá ao público a partir do vindeiro 6 de xullo..

A actuación, valorada en 1,7M€ e financiada con fondos europeos, centrouse na renovación da instalación eléctrica do castelo que suporá un aforro do 70 % na factura eléctrica, así como do sistema de iluminación monumental con 500 novas luminarias e a incorporación dun un sistema de programación do alumeado. Trátase dun proxecto que permite avanzar na mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade da fortaleza ao tempo que mellora a imaxe e as instalacións dun dos atractivos turísticos máis visitados da provincia. Unha intervención que dá continuidade a outras melloras impulsadas polo goberno provincial ao longo do presente mandato, como son a mellora da experiencia do visitante ou a instalación de puntos de recarga para vehículos eléctricos.

“Esta intervención vai marcar un antes e un despois no concepto do Castelo e de toda a finca, cunha mellora tamén nos accesos. Supón outra acción máis que promovemos no noso patrimonio e vai permitir que a percepción nocturna da fortaleza acade outra dimensión. Ademais, seguiremos coa programación que recuperamos cando chegamos ao castelo, que agora si é para todos e non para uns cantos. Haberá unha programación extensa e importante para dar mostra do compromiso por un turismo sustentable e descentralizado”, explicou López. 

Ademais destas obras, o goberno provincial promove un amplo abano de actuacións que sitúan o Castelo de Soutomaior como unha das grandes referencias do destino turístico Rías Baixas. Nesta fortificación ofrécese ao visitante visitas guiadas ao longo de todo o ano, así como visitas temáticas con motivo do Nadal, o Samaín, a vendima ou o mes da Camelia. Ademais, esta contorna é tamén espazo para a realización de iniciativas novidosas en materia de turismo deportivo, como o primeiro Trail entre Castelos; e tamén para o enoturismo, a través de experiencias centradas en catas de viños; ou para desfrutar do contacto coa natureza con andainas polos seus xardíns e bosques. 

Logos
 

 

Galerias de imagenes

audios