Luis López detalla a maior reforma da historia recente de Príncipe Felipe, valorada en máis de 5M€, coincidindo co aniversario do complexo e o novo curso escolar

O presidente provincial, acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez, membros do goberno e traballadores desta instalación dependente da Deputación; visita o edificio da Escola Infantil onde están en marcha obras valoradas en case 4M€

07/09/2026

Luis López detalla a maior reforma da historia recente de Príncipe Felipe, valorada en máis de 5M€, coincidindo co aniversario do complexo e o novo curso escolar

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informa dun investimento sen precedentes por parte do organismo provincial para acometer a maior reforma da historia recente da Cidade Infantil de Príncipe Felipe consistente na mellora da eficiencia enerxética da Escola Infantil e de Pavillón Deportivo por un importe superior aos 5 millóns de euros que serán financiados con fondos propios. Así o anunciou o mandatario provincial nunha visita á escola infantil previa ao inicio do curso para comprobar distintas melloras xa realizadas no inmoble na que tamén participaron o vicepresidente Rafa Domínguez, o deputado Pablo Castillo e a directora da Escola Infantil, María José Sánchez. “Este goberno sempre tivo un compromiso máximo con Príncipe Felipe e neste 2026 imos ir máis alá. Celebramos o 50 aniversario, un fito importante, e querémolo acompañar coa maior obra da historia recente”, declarou Luis López despois de percorrer as instalacións.

A principal actuación que se vai realizar no edificio da Escola Infantil comezará, segundo informou o presidente, no vindeiro mes de novembro. Trátase dunha intervención completa centrada na mellora da eficiencia enerxética por valor de 3,3M€ e que servirá para executar a renovación integral da fachada, substitución das carpinterías exteriores, impermeabilización das cubertas, modernización da iluminación interior con 420 novas luminarias LED, mellora da accesibilidade e creación de dous novos accesos peonís, reforma da capela e mellora dos acabados interiores do edificio. De xeito paralelo, xa están a desenvolverse os traballos de renovación da instalación eléctrica deste centro por valor de 450.000 euros consistente na substitución dos transformadores, a dotación da potencia axeitada, renovación de liñas eléctricas, instalación dun grupo electróxeno de emerxencia, reforma dos cadros eléctricos e adecuación dos locais técnicos.

Por outro lado, o goberno provincial executou durante o verán outras actuacións valoradas en 160.000 euros para dotar de novo mobiliario para os fogares da Escola Fogar, demoler as escaleiras de emerxencia da ala norte, reparar a cuberta do obradoiro de carpintería, mellorar os muros interiores deste centro, instalar novos equipos no Auditorio José Manuel Pérez Matos, “Portu” e subministrar estores, módulos de almacenaxe, cafeteriras, mesas e bancos para distintas estancias deste centro. Mentres que xa está en fase de tramitación a mellora do peche perimetral (60.000€) e a renovación do pavillón polideportivo (1,4M€).

“Hai 50 anos que naceu este Centro de Benestar Social que levamos inscrito no ADN desta casa. E con estas melloras e grandes reformas actuacións queremos que quede preparado para, polo menos, outro medio século. Falamos dun investimento sen precedentes na historia de Príncipe Felipe e a Deputación valorada en máis de 5M€ para que a Cidade Infantil Príncipe Felipe siga sendo referencia na atención á infancia”, remarca Luis López. Pola súa banda, o vicepresidente Rafa Domínguez engadiu que “Príncipe Felipe forma parte da historia de Pontevedra e da Deputación. Este espazo ten unha dimensión social e educativa que o fai único en toda a provincia, cunha escola infantil, atención a menores, espazos educativos e deportivos, por iso son especialmente importantes as obras que imos executar para colocar a Príncipe Felipe á altura que merece. Celebrar os 50 anos de Príncipe non debe ser só unha celebración, senón unha preparación para que nos vindeiros cincuenta anos siga a ser unha instalación de enorme calidade”.

A pegada da Deputación na Cidade Infantil de Príncipe Felipe ao longo do presente mandato non se limita unicamente a estas obras. Nos últimos tres anos, o goberno provincial mobilizou máis de 7M€ en distintos proxectos de mellora, como son os 1,7M€ destinados á mellora do CEIP Daría González, 1M€ para a cuberta do Centro Agarimo ou diversas melloras no campo de fútbol valoradas en máis de 200.000€.

Galerias de imagenes

audios

Rafa Domínguez

Luis López