Luis López valora o compromiso pola sustentabilidade que comparten a Deputación e Concello de Ribadumia, que destinou 200.000€ do PON2030 a mellorar a xestión do lixo

O presidente provincial, xunto co alcalde David Castro, comproba a posta en marcha dun novo servizo que inclúe case 300 novos colectores, dous vehículos de recollida e un proxecto piloto para separar os residuos nos fogares por valor de 494.000€

08/07/2026

Luis López valora o compromiso pola sustentabilidade que comparten a Deputación e Concello de Ribadumia, que destinou 200.000€ do PON2030 a mellorar a xestión do lixo

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, recoñece o compromiso polo coidado do medio ambiente, a sustentabilidade e a mellora de servizos fundamentais como a recollida do lixo que comparten a Deputación e o Concello de Ribadumia, que ven de poñer en marcha un novo sistema de recollida de lixo no municipio grazas aos 200.000€ achegados polo organismo provincial a través do programa PON2030 que serviron para financiar o 41% dun investimento valorado en 494.000€. “O Concello de Ribadumia enfocou este programa da Deputación cara unha área que non é común. É máis habitual facer grandes obras como humanizacións, pero o compromiso co medio ambiente é algo que se está a demostrar en Ribadumia, que é exemplo pola boa xestión do alcalde e o seu equipo”, valorou o mandatario provincial nunha visita a Ribadumia na que estivo acompañado polo alcalde David Castro para coñecer o funcionamento do novo servizo.

Ao abeiro do plan PON2030, a Deputación concedeu unha subvención de máis de 200.000 euros ao Concello de Ribadumia, que completou o orzamento de 494.000€ con recursos propios. O novo servizo que xa está a poñer en marcha o goberno local inclúe o reparto dunha nova rede de contedores por todo o termo municipal que consta de 122 unidades de contedores amarelos, 122 contedores azuis e 50 contedores marrón para a fracción orgánica. A maiores, o Concello adquiriu tamén dous novos vehículos recolectos, un equipado cun mecanismo compactador de residuos e outro para exercer a función de satélite, así como unha unidade móbil para lavar contedores. Así mesmo, da man da cooperación entre as administracións provincial e local Ribadumia pon en marcha un proxecto piloto que consiste no reparto de colectores individuais en fogares das parroquias de Barrantes e Sisán para fomentar a separación de residuos en orixe.

A recollida de lixo é un servizo esencial, que marca a calidade de vida nun concello e que é clave para o coidado do medio ambiente; pero tamén é un servizo que require xestión e investimentos. “Quero felicitar ao alcalde e o seu equipo por esta aposta, pola visión de futuro, por recoller as necesidades dos veciños e polo compromiso co medio ambiente. Tedes na Deputación un aliado”, afirmou o dirixente provincial.

A cooperación da Deputación co Concello de Ribadumia non se limita unicamente á mellora do servizo de recollida de lixo, ao longo destes tres anos de mandato o goberno de Luis López ten colaborado en Ribadumia cun total de 3,7M€ só a través dos distintos plans de apoio aos concellos como +Provincia, o Plan Extra ou o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.

Galerias de imagenes