Luis López pon en valor o papel da Fundación Manolo Paz para situar a provincia como referente da creación contemporánea

O presidente provincial reivindicou a importancia da cultura nas XI Xornadas da Fundación Manolo Paz en Cambados, nas que se lle rendeu homenaxe á bailarina e coreógrafa La Ribot

07/08/2026

Luis López pon en valor o papel da Fundación Manolo Paz para situar a provincia como referente da creación contemporánea

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, puxo este venres en valor o papel da Fundación Manolo Paz para consolidar a provincia como un referente da creación contemporánea durante a súa participación nas XI Xornadas celebradas en Cambados, nas que se lle rendeu homenaxe á bailarina e coreógrafa La Ribot. O mandatario provincial destacou que a Fundación é “un absoluto exemplo do equilibrio entre a excelencia artística, o compromiso co territorio e a proxección internacional”, ao tempo que reafirmou o compromiso da Deputación coa cultura como motor para facer territorio.

As Xornadas, sinalou o presidente, son “un proxecto consolidado, con personalidade propia”, que converte Cambados nun lugar de encontro para distintas disciplinas artísticas e contribúe a proxectar “unha imaxe da nosa provincia moderna, creativa e aberta ao mundo”. Neste sentido, López reivindicou o papel da cultura como unha ferramenta de desenvolvemento e lembrou algunhas das principais apostas da Deputación neste eido, como a recuperación da Bienal de Pontevedra, a exposición de A Derradeira Leición do Mestre de Castelao ou o compromiso de facer que “a cultura chegue aos 61 concellos da provincia, porque non hai concellos grandes nin pequenos cando falamos de acceso á cultura”.

O presidente reafirmou tamén o apoio da institución provincial á Fundación Manolo Paz, que este ano incrementou ata os 10.000 euros a achega destinada á organización das Xornadas, “porque cremos nas iniciativas que medran, que crean valor e que enriquecen a vida cultural da provincia”.

Durante a súa intervención, Luis López tivo tamén un recordo para a inauguración da exposición de Manolo Paz en Nova York, celebrada o pasado mes de abril, e asegurou que o recoñecemento internacional do escultor “non o afasta da súa terra; ao contrario, sérvelle para seguir facendo de Cambados un punto de encontro para a arte, para o pensamento e para a creación contemporánea”.

O acto serviu ademais para render homenaxe á bailarina e coreógrafa La Ribot, unha das grandes figuras da creación contemporánea internacional. O presidente felicitouna pola súa traxectoria e recuperou unha das súas reflexións -“Na danza hai que dar forma ás ideas que te atravesan por dentro”- para concluír: “A nós atravésanos a paixón por este territorio, María, así que grazas por darlle forma coa túa arte”.

Galerias de imagenes