Luisa Sánchez inaugura na sede da Deputación en Vigo a xornada “A vulnerabilidade das Infancias e as Adolescencias: entre o risco e a oportunidade”
26/04/2025
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou este sábado na inauguración da xornada “A vulnerabilidade das Infancias e as Adolescencias: entre o risco e a oportunidade” organizada pola Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e Adolescencia (ASEIA) na sede de Vigo da institución provincial. A xornada centrouse nas propostas de intervención e acompañamento de nenos, nenas e adolescentes nos eidos da clínica, da educación e do social a través de mesas redondas, conferencias plenarias e obradoiros.
Luisa Sánchez asegurou que “temas tan fundamentais como a sexualidade, a adolescencia, a vulnerabilidade, a corporalidade, a violencia e as minorías son cuestións invisibilizadas ou tratadas superficialmente cando son cruciais para o desenvolvemento integral da mocidade”. Neste sentido, asegurou que “esta xornada axuda a poñer en primeiro plano a necesidade urxente de crear unha contorna segura e respectuosa para a nosa mocidade” e remarcou que “será de grande utilidade para avanzar na protección e o benestar da infancia e a adolescencia”.


