Luisa Sánchez acude á presentación da 63ª edición da Regata Rías Baixas organizada polo Real Club Náutico de Vigo

13/08/2026

Luisa Sánchez acude á presentación da 63ª edición da Regata Rías Baixas organizada polo Real Club Náutico de Vigo

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou este xoves na presentación da 63ª edición da Regata Rías Baixas organizada polo Real Club Náutico de Vigo, unha regata que volve colocar a Vigo un ano máis como escenario central da vela e como referente en deportes acuáticos. Luisa Sánchez recalcou que esta cita “é fundamental para consolidar a nosa provincia como a provincia do deporte” e fixo fincapé en que “a realización desta competición un ano máis na cidade olívica é unha demostración inequívoca de que Vigo, co seu mar, e o seu porto deportivo son un binomio inseparable”.

A proba, que se realizará entre o 13 e o 16 de agosto, encherá a ría de embarcacións que comezarán e finalizarán a súa travesía en Vigo pero pasarán tamén por Portonovo e A Pobra do Caramiñal. “A nosa costa e as nosas Illas Cíes de fondo farán que a estampa sexa inigualable”, recalcou a vicepresidenta provincial. “Non quero esquecerme do inestimable traballo do Real Club Náutico de Vigo, que 120 anos despois segue apostando por colocar o club e a cidade no lugar que merece a nivel deportivo e tamén social e cultural”, finalizou Sánchez.

Galerias de imagenes