Luisa Sánchez asiste na sede de Vigo á xornada de APE Galicia sobre relevo xeracional e emprendemento

22/04/2025

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou este martes na apertura da xornada organizada pola Asociación de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE Galicia) dedicada ao relevo xeracional e o emprendemento. A vicepresidenta lembrou nesta xornada formativa, que se celebrou na sede de Vigo, que “Galicia é unha das rexións en España onde o peso das persoas autónomas fronte ao total de traballadoras se sitúa máis por enriba da media, cun 19% fronte ao 16%”. Neste eido, Luisa Sánchez chamou a “poñernos do lado das persoas que queren emprender para darlles todas as facilidades e, así, poidan cumprir os seus soños e facer realidade os seus proxectos”.

A vicepresidenta da Deputación, responsable tamén da área de impulso ao emprego, lembrou que “somos unha administración comprometida co futuro da nosa xente e da nosa terra”, e puxo en valor proxectos que está a liderar o organismo provincial “como SmartPeme+, onde facilitamos ás pemes acceder a formación e asesoramento para axudalas con todo o relacionado coas novas tecnoloxías no contexto empresarial, ou os viveiros de empresas que temos situados en Barro e Lalín, para facilitar o lanzamento de proxectos emprendedores na provincia”.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.