Luisa Sánchez anima a gozar das conferencias de Galiexpo Motorshow con referentes como Ángel Gaitán, Alberto Iglesias, Jorge Cagiao, ‘Cohete’ Suárez ou Nuria Pons
O auditorio do Ifevi acollerá unha intensa xornada de charlas e encontros na que tamén participará o coñecido empresario Fernando Vega de Seoane
22/04/2026
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, animou a asistir o próximo venres, 24 de abril, ao II Congreso Galiexpo, unha “cita imprescindible” para as persoas amantes do motor que contará cun “completo” programa de conferencias no auditorio do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) e que se enmarca dentro do salón Galiexpo Motorshow.
O popular youtuber e influencer Ángel Gaitán será o encargado de abrir a rolda de intervencións ás 11.00 horas cun encontro público no que compartirá a súa experiencia e a súa visión dun sector en constante evolución, achegando ao público as claves do éxito no ámbito dixital e automobilístico.
Xa pola tarde, a partir das 18.30 horas, o empresario Fernando Vega de Seoane protagonizará unha inspiradora conferencia centrada na resiliencia, na que relatará a súa experiencia vital tras sufrir en 2022 un grave accidente de esquí que lle provocou importantes lesións e marcou un punto de inflexión na súa vida.
A continuación, a xornada completarase cunha mesa redonda encabezada por Chema Rodríguez na que participarán destacados referentes do motor como Alberto Iglesias, Jorge Cagiao, José Antonio ‘Cohete’ Suárez e Nuria Pons. Trátase dunha “oportunidade única” para coñecer de primeira man as vivencias dos membros do Recalvi Team, así como os detalles que se agochan tras a competición de alto nivel. Ademais, ao remate da sesión, o público poderá interactuar cos participantes, facer fotografías e conseguir autógrafos nun ambiente próximo e participativo.
Luisa Sánchez destacou o nivel dos relatorios previstos no II Congreso Galiexpo, patrocinado en exclusiva pola Deputación de Pontevedra como mostra do seu apoio a un salón que mestura motor e divulgación. “Combina talento e historias de superación que merecen ser escoitadas en directo. Queremos que a xente goce, aprenda e se achegue ao motor dun xeito diferente, da man de grandes profesionais e destacadas figuras do sector”, sinalou a tamén deputada de Deportes. O acceso é libre ata completar aforo.
