Luisa Sánchez dá a benvida a Vigo aos membros da CECEL, que expón 220 publicacións locais na sede da Deputación

20/09/2025

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, deu á benvida a Vigo este sábado aos membros da Confederación Española de Centros de Estudios Locales (CECEL), que agrupa a máis de 50 organismos de investigación de carácter local e rexional en España e que celebra a súa asemblea anual esta fin de semana na cidade olívica.

A representante provincial agradeceu a este organismo e ao Instituto de Estudos Vigueses que escollesen a sede viguesa da Deputación para desenvolver algunhas actividades, como unha actuación musical de Leticia Rey e Iago Mouriño ou unha exposición bibliográfica composta por 220 publicacións editadas no último ano polos centros de estudos locais de todo o país. “Esta mostra constitúe unha testemuña da vitalidade destas entidades e un punto de encontro entre tradición, investigación e futuro. Non é só un escaparate editorial, senón tamén unha oportunidade para poñer en valor o inxente traballo que facedes como motor cultural de cada territorio”, sinalou.