Luisa Sánchez reivindica no Forum Celta Femxa o papel das administracións públicas no apoio ao deporte base
28/05/2026
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra e deputada de Deportes, Luisa Sánchez, participou este xoves na terceira edición do Forum Celta Femxa, no que reivindicou o papel das administracións públicas no apoio ao deporte base. A cita, celebrada no estadio de Balaídos, reuniu representantes institucionais, empresas e clubs para abordar o presente e o futuro das canteiras deportivas, así como para debater sobre os modelos de financiamento.
Durante a súa intervención, Luisa Sánchez explicou como afronta unha administración provincial o apoio ao deporte base e a súa relación co deporte profesional e de elite. Neste sentido, destacou que a Deputación mantén diferentes liñas de subvención específicas para a promoción dos deportistas máis novos, como Depo Talento ou +Talento Motor. Tamén lembrou que a institución provincial incrementou nos últimos anos as partidas destinadas ás entidades deportivas da provincia, cunha aposta por facilitar recursos tanto aos clubs modestos como ás competicións de maior dimensión.
