Luisa Sánchez vive desde dentro o desenlace do Rally Rías Baixas
04/07/2026
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra e deputada de Deportes, Luisa Sánchez, viviu desde dentro o desenlace do 59º Rally Rías Baixas, que este sábado disputou a súa xornada decisiva. A representante provincial en Vigo coñeceu de primeira man o funcionamento interno desta emblemática proba automobilística, puntuable para o Supercampionato de España de Rallys, desde o vehículo do director de seguridade, Damián Giráldez, e visitou os puntos clave do dispositivo. Así, puido descubrir os pormenores da coordinación cos equipos, os protocolos de seguridade, os mecanismos de cronometraxe e o intenso traballo organizativo que fai posible a celebración dun evento destas características. Luisa Sánchez salientou o extraordinario labor que realiza a Escudaría Rías Baixas e subliñou que “vivir un rally desde esta perspectiva permite comprender a enorme planificación e responsabilidade que hai detrás de cada tramo para garantir que todo transcorra con éxito”.
