A Deputación investirá máis de 460.000 euros en Tomiño para financiar a mellora de varios camiños municipais

O deputado provincial Roberto Carrero visitou o concello, onde anunciou que a actuación estará financiada integramente con recursos do Plan +Provincia que se aprobarán na Xunta de Goberno deste venres

31/05/2025

Roberto Carrero visitou Tomiño

O deputado provincial Roberto Carrero visitou Tomiño para anunciar que a Deputación se encargará de financiar integramente a mellora de varios camiños municipais situados no territorio municipal. A Xunta de Goberno do organismo provincial aprobou xa unha achega de preto de 461.000 euros para impulsar esta actuación con recursos procedentes do Plan +Provincia. Nesta anualidade o plan destina un total de 1,4 millóns de euros a Tomiño e, no caso da liña 1 de investimentos, preto de 971.000 €.

O deputado deu conta dos traballos que levará a cabo Tomiño con estes fondos provinciais, 460.741,86 €, que permitirán mellorar e pavimentar 27 tramos de camiños municipais situados en varias parroquias do concello co obxectivo de mellorar as condicións de seguridade e comodidade destas vías, ao ser moi empregadas pola cidadanía. A actuación básica dos traballos consistirá na limpeza das marxes, coa apertura de cunetas onde sexa necesario, para a posterior extensión dunha capa de mestura bituminosa en quente coa que se renovará a capa de rodamento. Nas zonas nas que a vía non teña firme, e tamén nos tramos municipais consolidados que se atopan en terra, aplicarase un tratamento de ensanche da calzada con pavimentado con base de saburra artificial e mestura bituminosa en quente.

As obras tamén inclúen a instalación de tubaxes de abastecemento, a renovación da sinalización e a dotación de catro redutores de velocidade en dous tramos. Ademais, instalaranse outros 20 redutores máis, neste caso en camiños que non necesitan renovar a capa de rodamento pero si mellorar as súas condicións de seguridade.

Roberto Carrero destacou que o Plan +Provincia “é o programa estrela da Deputación e o que mellor representa a filosofía do noso goberno”, que pasa polo “municipalismo e polo respecto á autonomía municipal para que sexan os concellos os que decidan libremente a que queren dedicar os recursos que poñemos á súa disposición”. O deputado provincial lembrou que con este programa, cun orzamento superior aos 48 millóns de euros, a Deputación de Pontevedra busca “transformar e modernizar a provincia, mellorar a calidade de vida da cidadanía e conseguir que Pontevedra sempre vaia a máis”.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.