A Deputación aproba 1,4 millóns do Plan +Provincia para financiar catro actuacións de mellora de infraestruturas e espazos públicos de Nigrán, Pazos de Borbén e Redondela
Pazos de Borbén suma 86.000 € da Deputación para financiar integramente, con preto de 575.000 €, o proxecto beneficiario do II Plan Extra para a mellora da mobilidade peonil entre o CPI Curros Enríquez e o Auditorio municipal
12/06/2026
A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno catro achegas por valor de preto de 1,4 millóns de euros para os concellos de Nigrán, Pazos de Borbén e Redondela no marco do Plan +Provincia 2026-2027. O presidente provincial, Luis López, anunciou que os recursos provinciais permitirán financiar catro actuacións que repercutirán na mellora de diversos espazos e infraestruturas públicas municipais. “Imos avanzando no reparto dos 85 millóns cos que conta o Plan +Provincia para mellorar os servizos públicos e modernizar os espazos municipais, facendo que Pontevedra sexa unha provincia extraordinaria”, sinalou Luis López.
O presidente da Deputación destacou que a axuda concedida ao concello de Pazos de Borbén, 86.000 €, permite completar o orzamento da mellora da mobilidade peonil entre o CPI Curros Enríquez e o Auditorio municipal, que xa recibira preto de 490.00 € no marco do II Plan Extra – Provincia Extraordinaria. Deste xeito, a Deputación finánciaa integramente cunha inxección de 575.00 euros. A actuación contempla a reordenación da zona para transformala nunha área de prioridade peonil dun único sentido, con circulación a 20 km/h e plataforma segregada na entrada (oeste) e na saída (leste, entre o Centro de Saúde e a Praza do Concello). Todos os equipamentos terán itinerarios peonís accesibles, e un específico para os nenos entre o colexio e o auditorio. Instalaranse redutores da velocidade, zonas arboradas, pequenas áreas de estancia e descanso á sombra (complementarias á principal, que seguirá sendo a Praza do Concello), mobiliario urbano e nova iluminación. Haberá varias zonas de aparcamento, tanto en liña como en batería.
Nigrán recibirá 230.000 € para o acondicionamento da rúa Rubido e a contorna da Romana, mellorando a seguridade e a circulación mediante a renovación do pavimento e a reordenación do tráfico na zona, ademais de instalar un novo sistema de drenaxe. Na contorna da Romana realizarase unha inspección a fondo e melloraranse as redes de saneamento, coa adaptación das canalizacións ao sistema separativo e o arranxo dos tramos deteriorados baixo a Avenida de Portugal. Por último, no camiño do Barrantes rehabilitaranse o firme e a capa de rodaxe.
O Concello de Redondela recibirá 660.000 € para acometer a mellora na avenida Ernestina Otero e na súa continuación polo paseo da Xunqueira, un proxecto que inclúe a renovación da pavimentación, a mellora da accesibilidade, novo mobiliario urbano, iluminación, así como zonas verdes en todo o trazado (desde o Paseo da Portela ata o Salgueiral). Reducirase a velocidade do tráfico rodado para corrixir os excesos detectados, elevarase a calzada ao nivel das beirarrúas en varios puntos e unificarase o espazo con pedra natural. Tamén se substituirán os antigos puntos de luz por novas luminarias LED, adaptaranse as escavas para protexer o pavimento das raíces das árbores, substituiranse as árbores que se atopen en mal estado e procederase ao acrecentado da capa de rodaxe.
Ademais, Redondela destinará 420.000 ao proxecto de Museo Municipal que ocupará o solar onde se atopaban as casas dos mestres na avenida Mendiño ata o seu derrubamento en 2023. Será un inmoble accesible e eficiente, de 740 metros cadrados en tres andares, con salas de exposicións e salas polivalentes. O museo acollerá as obras de Ángel Barros, unha colección de preto de 150 cadros, doadas polo artista ao concello.