A Deputación programa este sábado un concerto da Coral Polifónica de Pontevedra con motivo da exposición ‘Castelao. A derradeira leición do mestre’
Será no Museo de Pontevedra o sábado 27 ás 19:00 h, cun repertorio de polifonía renacentista e profana, música sacra e canción galega
23/06/2026
A Deputación de Pontevedra programou para este sábado 27 de xuño ás 19:00 h no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra un concerto da Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra, con motivo da exposición ‘Castelao. A derradeira leición do mestre’. A agrupación centenaria ofrecerá un programa con polifonía renacentista e profana, música sacra e canción galega, baixo a dirección de Nanette Sánchez Ordaz. O acceso é libre ata completar a capacidade.
Nos primeiros anos da Sociedad Coral Polifónica coincidiron Alfonso Daniel R. Castelao, que chegou a ser o seu presidente entre 1929 e 1932, e Alexandre Bóveda. Foi un dos espazos nos que cultivaron a súa amizade, que se desenvolveu logo nunha militancia política compartida liderando o Partido Galeguista. O 17 de agosto de 1936, Bóveda foi executado polo bando sublevado e en 1945 Castelao púxolle o seu rostro ao fusilado que aparece en ‘A derradeira leición do mestre’, identificándoo como mártir galego e converténdoo en símbolo da barbarie.
A coincidencia de ambos na Polifónica explica a programación deste concerto que se pechará con ‘A Castelao’, unha composición de Xosé Carlos Seráns a partir dun poema de Manuel María. Soarán ademais cancións harmonizadas a partir de letras populares e poemas de Rosalía de Castro, Álvaro de las Casas ou Curros Enríquez. A coral interpretará tamén temas sacros e profanos que van dos séculos XIV ao XX. Actuarán como solistas as sopranos Pilar Baamonde Lusquiños e Pilar García Pinal e o tenor Rafael Senn González.
A Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra, fundada en 1925, é unha das institucións musicais máis representativas da cultura galega. Ao longo da súa historia, consolidou un labor continuado de difusión da polifonía coral e de preservación do patrimonio musical, levando a súa actividade a numerosos escenarios dentro e fóra de Galicia. A súa historia está intimamente ligada á figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, un dos seus fundadores, que contribuíu de maneira decisiva á súa identidade simbólica e estética, deseñando o escudo da sociedade e realizando escenografías que acompañaron os seus primeiros concertos. Esta relación converteu a Polifónica nun espazo onde música, arte e pensamento galeguista camiñaron desde a súa orixe de maneira conxunta.
Na actualidade, está baixo a dirección de Nanette Sánchez Ordaz, licenciada en Dirección Coral polo Instituto Superior de Arte da Habana (Cuba). Desde 2013 dirixe a formación e contribúe á súa continuidade e renovación artística; ademais, foi recoñecida pola propia sociedade coa Medalla de Ouro en 2019.