A Deputación continúa as actividades para celebrar o Día Internacional dos Museos cunha conferencia de Javier Barón e teatro sobre o marqués de Sargadelos no Museo de Pontevedra

O xefe de Pintura do XIX do Museo do Prado falará o xoves sobre Álvarez de Sotomayor, e o grupo Avelaíña Teatro representará o venres ‘As máscaras de Ibáñez: o marqués de Sargadelos que nunca foi’

18/05/2026

A Deputación continúa as actividades para celebrar o Día Internacional dos Museos cunha conferencia de Javier Barón e teatro sobre o marqués de Sargadelos no Museo de Pontevedra

Con motivo do Día Internacional dos Museos, que se celebra este 18 de maio, a Deputación de Pontevedra preparou unha ampla programación que comezou na fin de semana cun concerto de música antiga e a primeira dunha nova quenda de visitas ao convento de Santa Clara. Esta semana, continúan as actividades conmemorativas no Museo de Pontevedra cunha conferencia de Javier Barón este xoves sobre Fernando Álvarez de Sotomayor e coa representación o venres de ‘As máscaras de Ibáñez: o marqués de Sargadelos que nunca foi’, a cargo de Avelaíña Teatro.

O Día Internacional dos Museos (DIM) ten como lema esta ano “Museos unindo un mundo dividido”. O xoves 21 de maio ás 19:00 h estará no Edificio Castelao Javier Barón Thaidigsmann, xefe do Departamento de Pintura do Século XIX do Museo do Prado desde 2003, un dos maiores expertos en pintura desa época en España e comisario da recente exposición que lle dedicou a Fundación Barrié ao pintor Álvarez de Sotomayor. Barón pronunciará a conferencia “A personalidade artística de Fernando Álvarez de Sotomayor (1875-1960)”, na que abordará esta figura central da arte española e galega de finais do XIX e da primeira metade do XX, da que o Museo de Pontevedra conserva e exhibe obras de gran relevancia, coma ‘Festa galega’.

Sotomayor foi un dos pintores máis destacados da súa xeración en España, cunha traxectoria marcada polo éxito desde a súa formación en Roma a finais do século XIX. Acadou recoñecemento internacional tanto polas súas composicións de temática mitolóxica coma polo seu labor docente en Chile, e consolidouse á súa volta como un brillante retratista influído polos grandes mestres clásicos. Nomeado director do Museo del Prado en 1922, destacou tamén polos seus cadros de costumes, nos que recrea con cor viva e luz intensa escenas da vida popular galega, especialmente romarías e procesións, tratadas cunha pincelada ampla e expresiva.

Javier Barón Thaidigsmann, cunha sólida e recoñecida traxectoria académica e profesional, é xefe do Departamento de Pintura do Século XIX do Museo del Prado desde 2003. Comisariou numerosas exposicións de prestixio no Museo del Prado e é autor de destacadas publicacións sobre arte dos séculos XIX e XX, entre elas estudos recentes sobre Sotomayor. A súa carreira foi recoñecida con múltiples premios e distincións nacionais e internacionais que avalan a súa autoridade como especialista na materia.

As actividades polo DIM péchanse o venres 22 ás 19:00 h, coa representación por parte de Avelaíña Teatro da obra ‘As máscaras de Ibáñez: o marqués de Sargadelos que nunca foi’. Coa interpretación de Xabier Fernández, a peza revisa a vida e os sucesos que conduciron á morte de Raimundo Ibáñez, fundador da cerámica de Sargadelos, da que o Museo de Pontevedra conserva unha destacada colección.

Galerias de imagenes