A Deputación ultima os días para visitar ‘Mudanza’ de Ira Lombardía no Museo de Pontevedra

A exposición forma parte o proxecto Infiltracións, comisariado por Iñaki Martínez Antelo, no que en decembro se inaugurará unha nova proposta, neste caso de Berio Molina

21/10/2026

A Deputación ultima os días para visitar ‘Mudanza’ de Ira Lombardía no Museo de Pontevedra

A Deputación pecha este domingo, 25 de outubro, no Museo de Pontevedra a exposición ‘Infiltracións. Ira Lombardía. Mudanza’. Esta é a cuarta mostra deste programa expositivo comisariado por Iñaki Martínez Antelo, no que artistas contemporáneos crean proxectos específicos en diálogo coas coleccións do Museo. A artista asturiana afincada en Nova York combina fotografía, colaxe, escultura e arquitectura efémera para reflexionar sobre o concepto de desprazamento e a súa relación coa memoria.

‘Infiltracións. Ira Lombardía. Mudanza’ desenvólvese nunha serie de estruturas situadas en dous puntos do Museo de Pontevedra: a primeira planta do Edificio Castelao e o a segunda planta do claustro do Edificio Sarmiento. Ira Lombardía como eixe central a emigración para construír un proxecto que dialoga coas experiencias do tránsito, coa perda, co arraigamento e coa transformación. A experiencia do traslado, da viaxe continua ou da distancia convértese nunha capa máis de sentido: aquilo que se conserva, o que inevitablemente se transforma e tamén o que permanece suspendido na memoria.

En palabras da propia artista: “A partir do contraste entre a lixeireza do xesto e a densidade dos materiais —que remiten a obxectos de traslado e paredes domésticas en proceso de construción—, este traballo aborda o conflito entre aquilo que levamos connosco e o que inevitablemente queda atrás. O feltro, o papel burbulla e a gomaespuma evocan ideas de temporalidade e desprazamento, así como a fraxilidade do que se tenta preservar. Neste contexto, o fogar redefínese como algo inestable, próximo á idea de refuxio onde o corpo, arrolado polo movemento, aprende a habitar un espazo residual entre a presenza e a ausencia”.

Ira Lombardía (Asturias, 1977) é unha artista afincada en Nova York. O seu traballo combina instalación e escultura, fotografía, colaxe e vídeo, creando pezas de gran formato que exploran cuestións relacionadas co feminismo, coa ecoloxía e coa cultura visual contemporánea. Presentou exposicións individuais no Centro Cultural de España en México (CCEMx, Cidade de México, 2024-2025), Sector Curiosa, Paris Photo (2022) e no Museo de Arte SCAD (Savannah, Xeorxia, 2020-2021), ademais de varias colectivas. O seu traballo forma parte de importantes coleccións públicas e privadas, entre elas o Museo de Victoria e Alberto (Londres) e El Espacio 23 (Colección de Jorge M. Pérez, Miami).

‘Infiltracións. Ira Lombardía. Mudanza’ é a cuarta mostra deste programa expositivo comisariado por Iñaki Martínez Antelo, no que artistas contemporáneos crean proxectos específicos en diálogo coas coleccións do Museo de Pontevedra. Precedérono os proxectos de Mónica Alonso, Alberto Baralla e Marta Pazos. O 4 de decembro inaugurarase a seguinte proposta, a cargo de Berio Molina (A Fonsagrada, 1979).

Galerias de imagenes