A Deputación fai balance do primeiro mes da exposición do cadro de Castelao “A derradeira leición do mestre”, con máis de 6.700 visitas desde a súa inauguración

Desde a inauguración o 25 de xuño ata este domingo 26 de xullo, un total de 6.707 visitantes accederon á exposición no Edificio Castelao

27/07/2026

A Deputación fai balance do primeiro mes da exposición do cadro de Castelao “A derradeira leición do mestre”, con máis de 6.700 visitas desde a súa inauguración

O Museo de Pontevedra expón, desde o 25 de xuño, o icónico cadro de Castelao ‘A derradeira leición do mestre’. No primeiro mes de exhibición, visitárono un total de 6.707 persoas, unha cifra que supera amplamente as cifras habituais de visitas aos edificios principais do Museo nesta época do ano e permite constatar o interese que está a espertar na cidadanía. A exposición manterase ata o 27 de setembro e inclúe visitas guiadas gratuítas todos os mércores e xoves ás 18:00 h e os sábados ás 12:00 h. Ata o de agora, 200 persoas participaron nas programadas ao longo das últimas semanas.

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, salientou que “estas cifras son a mellor recompensa a un traballo intenso de máis de tres anos para situar o Museo de Pontevedra no lugar que merece. A chegada de ‘A derradeira leición do mestre’ non é un feito illado, senón unha mostra do momento extraordinario que vive esta institución”. Domínguez lembrou que “nos últimos anos recuperamos a Bienal de Pontevedra, impulsamos a integración de Santa Clara, incorporamos o arquivo familiar de Valle-Inclán, organizamos exposicións de referencia internacional e hoxe vemos como miles de persoas responden a esa aposta pola cultura”. E concluíu afirmando que “o Museo de Pontevedra ten un pasado extraordinario, pero sobre todo ten un futuro apaixonante. Queremos que siga sendo o gran motor cultural da provincia e un referente para toda Galicia”.

‘Castelao. A derradeira leición do mestre’ é o título da exposición organizada arredor deste cadro que Castelao pintou para o Centro Orensano de Bos Aires no ano 1945. O lenzo preséntase no centro da sala, como único elemento do muro principal, para chamar a atención sobre as súas considerables proporcións, 2 m de alto por 1,36 de ancho, e a súa forza dramática. A pintura foi concibida nun contexto de forte carga política e simbólica e presentada no noveno aniversario do fusilamento de Alexandre Bóveda (1903–1936), figura clave do galeguismo e amigo persoal do artista, ao que retratou na figura do home fusilado que protagoniza o cadro.

Desde 1979 o cadro pertence á colección do Centro Galicia de Bos Aires, herdeiro das asociacións da emigración galega na Arxentina, que o cedeu temporalmente para esta exposición. A mostra coincide coa conmemoración do plebiscito do Estatuto de autonomía de Galicia de 1936, co 90 aniversario do inicio da Guerra Civil e do asasinato de Bóveda, o que reforza o seu valor histórico e simbólico. O lenzo reproduce a estampa número 6 de Galicia mártir, o primeiro dos tres álbums publicados por Castelao durante a guerra.

Nas paredes laterais da mostra están os materiais que lle dan contexto. Na primeira vitrina sitúase a primeira edición de ‘Sempre en Galiza’ e o manuscrito orixinal, que titulou ‘Co pensamento en Galicia’, a obra na que recolle o seu pensamento político. Esa primeira edición dedicoulla a Alexandre Bóveda e foi editada en 1944 polo Centro Orensano de Bos Aires. Foi o mesmo Centro Orensano o que un ano despois lle encargou un gran lenzo destinado a converterse nun símbolo da memoria democrática galega.

Ademais, na exposición móstrase o debuxo orixinal de 1937 da estampa nº 6 de Galicia mártir, titulado ‘A derradeira lección do mestre’ e que oito anos despois reproduciría no famoso cadro. Unha fotografía tomada o 17 de agosto de 1945 que recolle a celebración da Diada dos Mártires Galegos no Centro Orensano de Bos Aires. Na imaxe aparece Castelao, xunto ao busto de Alexandre Bóveda que realizou Domingo Maza e co cadro ‘A derradeira lección do mestre’ ao fondo.

Galerias de imagenes