A Deputación celebra este sábado a Festa da Lamprea Seca de Arbo cun concerto de Xisco Feijóo no marco do programa provincial +Música

O espectáculo terá lugar ás 22:30 horas en Turbela e encádrase nunha iniciativa que, cun orzamento de 700.000 euros, busca colaborar cos concellos na difusión e o fomento da lingua e da cultura galegas

03/08/2026

A Deputación celebra este sábado a Festa da Lamprea Seca de Arbo cun concerto de Xisco Feijóo no marco do programa provincial +Música

A Deputación de Pontevedra programa este sábado 8 de agosto en Arbo un concerto de Xisco Feijóo para celebrar a XXXI Festa da Lamprea Seca, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. A actuación está enmarcada na nova edición de +Música, o programa provincial que apoia a programación cultural nos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia co obxectivo de difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. O público poderá asistir ao concerto a partir das 22:30 horas na Carballeira de Turbela.

Xisco Feijóo presentará en Arbo unha proposta fresca, dunha realidade que aglutina toda unha carreira dentro da música tradicional, vista desde unha perspectiva persoal e única, cunha concepción contemporánea. A súa proposta “Metamorfose” evoluciona cara ao máis tradicional sen esquecer os arranxos contemporáneos e deriva cara a músicas bailables, onde os acompañamentos funcionan como ambientes sonoros ao servizo da música tradicional.

Este espectáculo é unha das 93 actuacións financiadas con cargo ao +Música, que se están a celebrar entre os meses de maio e decembro en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. O programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e pola programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.