A Deputación leva a orquestra Os Satélites este domingo 25 de outubro ata Dozón para celebrar o tradicional magosto
O espectáculo terá lugar ás 17:30 horas na nave municipal do polígono industrial e enmárcase en +Música, o programa provincial dotado con 700.000 euros para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas
22/10/2026
A Deputación de Pontevedra leva a orquestra Os Satélites este domingo 25 de outubro ata Dozón para amenizar o seu tradicional magosto popular. O espectáculo, que terá lugar na nave municipal do polígono industrial ás 17:30 horas, enmárcase na nova edición de +Música, o programa provincial que colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e, con isto, difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas.
Os Satélites, fundado no ano 1938 na cidade da Coruña, é un histórico grupo que ten desde os seus inicios como sinal de identidade a elegancia e a calidade musical. Agora, baixo a dirección de Javier Saavedra, está a presentar "Corazón Galego”, unha proposta artística chea de enerxía, forza e frescura onde repasan grandes temas da música galega como "Lela", "Negra Sombra" ou "Merengue de Santalla".
Este espectáculo é unha das 93 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.
