A Deputación leva este domingo ata Mos unha actuación da Gramola Gominola a través do programa +Música

O grupo actuará na contorna do Pazo de Mos ás 12:00 horas dentro da súa programación cultural

06/06/2025

Gramola Gominola

A Deputación de Pontevedra leva este domingo 8 de xuño a Mos un concerto da Gramola Gominola enmarcado na nova edición de +Música, o programa provincial que colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e, con isto, difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación terá lugar na contorna do Pazo de Mos a partir das 12:00 horas como parte da programación cultural do concello.

A Gramola Gominola presentará en Mos unha selección das súas mellores cancións de rock and roll para público infantil, co obxectivo de que a cativada da provincia baile, ría e non deixen de corear os seus retrousos máis coñecidos como "He ho let's go", "Carmela, non hai coma ela!", "Campión internacional". O repertorio desta actuación completarase con outros temas como "A Lebre Chouteira", "A avoa Fina" ou "Un ollo de vidro".

O concerto da Gramola Gominola é unha das 78 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro do 2025 nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa provincial ten un orzamento de 700.000 euros, 100.000 máis que na pasada edición, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a institución provincial aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.