A Deputación continúa este sábado o programa provincial +Música con tres actuacións en Mos e Mondariz Balneario

Uxía Lambona e a Banda Molona e Quinkillada actuarán no Pazo de Mos, ás 19:00 e ás 21:00 horas, respectivamente, e Son das Tabernas na área de San Pedro de Mondariz Balneario, ás 22:30 horas

11/06/2026

A Deputación de Pontevedra leva este sábado 13 de maio concertos de Uxía Lambona e Quinkillada a Mos, e de Son das Tabernas a Mondariz Balneario, enmarcados na nova edición de +Música, o programa provincial para apoiar a programación cultural nos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia e difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. As actuacións de Mos terán lugar dentro da programación dos Concertos de Viño e Rosas, que se celebra ao abeiro da Festa da Rosa, ás 19:00 e ás 21:00 horas, respectivamente, no Pazo de Mos. Pola súa parte, Son das Tabernas actuará na área de San Pedro de Mondariz Balneario ás 22:30 horas.

Uxía Lambona e a Banda Molona é unha agrupación galega de música infantil que revoluciona os temas tradicionais dándolles un toque moderno e atractivo a ritmo de ska, rock, rap ou reggae. Cun directo cargado de humor, xogos e moita enerxía, a banda busca achegar a cultura galega aos máis pequenos dun xeito lúdico, logrando que nenos e maiores canten, bailen e participen activamente nunha auténtica festa familiar. Pola súa banda, Quinkillada, integrada por Rodri Martínez, Yago Oliveira, Suso PF, Byktor G, Daniel Acuña e Valverde, naceu como resposta artística ao encerro en pandemia mesturando ritmos latinos con rumba, cumbia e sons modernos.

A proposta que chegará a Mondariz Balneario, Son da Taberna, intégraa un grupo formado por 9 músicos que á súa vez cantan tamén. Mesturan instrumentos acústicos con electrónicos e fusionan ritmos autóctonos con outros foráneos como a cumbia, merengue os ska. A agrupación leva máis de dez anos actuando en festas e verbenas de toda a provincia de Pontevedra, e ten máis de 200 actuacións ás súas costas.

Estes concertos son dúas das 93 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.