A Deputación leva este domingo 10 de maio a Ribadumia o contacontos musicado Cantando con Pinocho

O espectáculo terá lugar na Praza do Concello ás 17:30 horas no marco de +Música, o programa provincial dotado con 700.000 euros para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas

08/05/2026

A Deputación de Pontevedra leva este domingo 10 de maio a Ribadumia o espectáculo Cantando con PInocho enmarcado na nova edición de +Música, o programa provincial que colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e, con isto, difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación terá lugar na Praza do Concello a partir das 17:30 horas.

Cantando con Pinocho é un contacontos musicado dirixido ao público infantil no que A Fada de Cabelos Turquesa e Pepino contarán o conto e cantarán en directo, acompañados de acordeón e piano, as cancións inéditas compostas para a obra teatral de Pinocho. As cancións que son todas en galego, abordan temáticas como a liberdade, a amizade, os alimentos ou, entre outros, a importancia de perseguir un soño. 

O espectáculo Cantando con Pinocho é unha das 93 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.