A Deputación leva este xoves 4 de xuño a Ribadumia un concerto de Festicultores Troupe
O espectáculo terá lugar ás 21:00 horas no marco da LIII Festa do Viño Tinto de Barrantes e enmárcase en +Música, o programa provincial dotado con 700.000 euros para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas
02/06/2026
A Deputación de Pontevedra leva este xoves 4 de xuño a Ribadumia un concerto de Festicultores Troupe enmarcado na nova edición de +Música, o programa provincial que colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e, con isto, difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación terá lugar no marco da LIII Festa do Viño Tinto de Barrantes a partir das 21:00 horas.
Festicultores Troupe é unha banda con preto de 20 anos de historia e preto dun milleiro de actuacións ás súas costas por Portugal, Francia, Serbia ou Polonia, ademais de España, nas que tamén compartiron escenario con artistas como Manu Chao, Radio Bemba, Sound System, Muchachito ou Macaco. No seu mítico carro amplificado remolcado por un motocultor, a agrupación converte cada festival ou verbena na mellor pista de baile. Estes experimentados cultivadores de festas de Galicia volverán á carga en Ribadumia coa súa mestura de humor, música e performance, que non deixará indiferente a ninguén.
Este espectáculo é unha das 93 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.
