A Deputación leva este martes 3 de novembro a Valga o contacontos musicado “Cantando con Pinocho”
O espectáculo terá lugar ás 17:00 horas no Auditorio e enmárcase en +Música, o programa provincial dotado con 700.000 euros para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas
02/11/2026
A Deputación de Pontevedra leva este martes 3 de novembro ata Valga o contacontos musicado “Cantando con Pinocho”. O espectáculo, que terá lugar no Auditorio ás 17:00 horas, enmárcase na nova edición de +Música, o programa provincial que colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e, con isto, difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas.
“Cantando con Pinocho” é un contacontos musicado dirixido ao público infantil no que A Fada de Cabelos Turquesa e Pepino contarán e cantarán en directo, acompañados de acordeón e piano, as cancións inéditas compostas para a obra teatral de Pinocho. As cancións, todas en galego, abordan temáticas como a liberdade, a amizade, os alimentos ou, entre outros, a importancia de perseguir un soño.
Este espectáculo é unha das 93 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.
