A Deputación leva este domingo 9 agosto ata Vilanova de Arousa unha actuación de Roi Casal
O espectáculo terá lugar no Xardín Umbrío ás 21:00 horas ao abeiro de +Música, o programa provincial dotado con 700.000 euros para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas
06/08/2026
A Deputación de Pontevedra leva este domingo 9 de agosto ata Vilanova de Arousa un concerto de Roi Casal enmarcado na nova edición de +Música, o programa provincial que colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e, con isto, difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación terá lugar no Xardín Umbrío a partir das 21:00 horas e forma parte da programación da XXXI Festa do Mexillón e o Berberecho.
Roi Casal, un dos grandes expoñentes da actual música galega a nivel internacional e que comezou a súa proxección como arpista de Milladoiro durante unha década, chega a Vilanova de Arousa dentro da súa xira Ambos Mundos. A actuación unirá a música e o baile coa música tradicional como protagonista e porá en escena os recentes singles producidos en Estados Unidos acompañados dunha selección dos seus temas clásicos.
Este espectáculo é unha das 93 actuacións financiadas con cargo ao +Música, que se están a celebrar entre os meses de maio e decembro en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. O programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e pola programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.