Rafa Domínguez adianta que as escavacións arqueolóxicas de Santa Clara arroxan achados que sitúan ao convento como pioneiro no mundo
Atopouse o cerebro saponificado dunha monxa que se converte no primeiro caso documentado destas características na Península Ibérica e no cuarto do mundo, xa que ata a data soamente apareceron tres semellantes en Arxentina, Chile e Italia
14/09/2026
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, adiantou en conferencia de prensa que as escavacións arqueolóxicas de Santa Clara arroxan achados que sitúan ao convento como pioneiro no mundo. Deste xeito, o vicepresidente, acompañado do equipo de arqueólogos responsable dos traballos, afirmou que “Santa Clara está a ofrecer moitas respostas pero tamén a abrir moitas preguntas e, como dirixente da Deputación, o noso obxectivo é dar respostas e abrir vías de investigación para que os maiores expertos a nivel internacional poidan implicarse”.
As principais novidades atopáronse na igrexa, onde apareceron cadáveres de monxas dos que non se conservan case ósos pero si os sudarios e tamén os restos de dous infantes, un deles con zapatos. O máis significativo, tal e como remarcou Rafa Domínguez, é que apareceu un cerebro saponificado que se ten convertido “no primeiro caso documentado destas características na Península Ibérica e nun dous poucos a nivel internacional” xa que, segundo indican os arqueólogos, soamente se atopan tres casos no mundo: en Arxentina, Chile e Italia.
Ademais, tamén se descubriu o cadáver dun capelán diante do altar con zapatos e a indumentaria completa, “algo excepcional e único”, tal e como subliñou o vicepresidente provincial, xa que, en Galicia, existen un par de casos de téxtiles en contextos arqueolóxicos, como o sudario do relicario de Santa Susana (aparecido na catedral de Santiago) ou os fragmentos do castelo de Pambre, en Lugo, pero non pezas completas, como a casula deste sacerdote ou os sudarios das monxas de Santa Clara.
Os traballos arqueolóxicos tamén avanzaron no claustro, onde se seguiu traballando no lugar onde se documentou unha rampla. Nese espazo atopáronse elementos que, segundo trasladan os técnicos, reforzan a idea da existencia de tres alas do claustro nun momento inicial. Por outra banda, documentouse unha nova estrutura rectangular cara o sur do bosque da que, nestes momentos, se descoñece a súa funcionalidade. Neste caso, segundo informou o equipo de arqueólogos que está a desenvolver os traballos, parece ser que podería tratarse dun dos elementos estruturais máis antigos que hai no recinto. Ademais, a nivel de materiais, apareceron xa máis de 3.000 elementos entre os que se atopan restos cerámicos de entre finais do século XIV e XIX, moedas, vidros e pezas líticas.
As escavacións en Santa Clara entran no último mes de traballo de campo. Trala escavación, “a máis espectacular de Galicia dos últimos tempos e na que estamos investindo máis de 400.000 euros”, tal e como remarcou o vicepresidente Rafa Domínguez, comezará unha nota etapa de catro meses na que se executará o procesado de laboratorio, na que se realizarán analíticas ou, entre outras cuestións, datacións radiocarbónicas para seguir arroxando luz á historia do Convento de Santa Clara e da cidade de Pontevedra.
